Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove “congratulouse” de que o PP solicite a súa axuda para acadar o cinto industrial de Alcoa

Nota de Prensa

O BNG de Xove felicítase de que o PP desenvolva as propostas nacionalistas

O Bloque Nacionalista Galego de Xove congratulouse polo feito de que o PP de Xove solicite a axuda dos nacionalistas locais para conseguir que o cinto industrial de Alcoa sexa unha realidade, unidos nunha finalidade de xustiza co noso Concello, tan esquecido polos populares desde o goberno autonómico.

Marco López, responsábel local do Bloque xovense, fixo fincapé na incongruencia de que o PP votara o pasado mes de decembro en contra dunha emenda presentada polo grupo parlamentar do BNG aos Presupostos Xerais deste ano 2010, onde se incluía a redacción do proxecto do cinto industrial de Alcoa e se destinaban 300.000 € para este fin; e agora, sen partida orzamentaria ningunha, fabriquen esta cortina de fume que non ten “previsión real de financiamento nin de execución”.

Desde o Bloque afirmaron que, aínda que o PP xovense manteña a súa tradición de adobar as súas declaracións con algunhas mentiras e medias verdades pola ausencia de argumentos políticos congruentes; o BNG o único que busca é unha mellor ubicación do futuro parque industrial polo elevado custo de urbanización, o que faría inviábel o proxecto, algo que non lle importa ao PP porque tampouco pensa cumprir esta promesa.

O importante, asegurou López, é que o traballo coherente do Bloque apañe os seus froitos para beneficio de toda a cidadanía. Tamén se ofreceu para mellorar o proxecto do cinto industrial a través da negociación construtiva “con elegancia e boa educación”.

O máximo cargo orgánico do BNG en Xove manifestou que sería bo pasar da “foto” aos feitos con prazos determinados e partidas orzamentarias concretas, e que non quede todo nunha boa interpretación “emulando a Luís Tosar”, retrucou, “co único obxectivo de lograr o Goya do ano que vén”.

Marco López felicitouse por serlle útil ao goberno en minoría de Xove e ofreceuse de novo ao executivo municipal para seguir solucionando outros atrancos, a través das propostas do BNG, co obxectivo de desenvolver actuacións que redunden no benestar dos veciños.

Exit mobile version