Nota de Prensa
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
Tras os diferentes actos levados a cabo para reclamar a execución e remate do corredor Barreiros-Ferrol, estaba pendente de ser convocada unha asemblea aberta da Mariña, Ferrolterra e Ortegal.
Con dito encontro pretendemos dar continuidade ás dúas reunións mantidas por cargos electos das tres comarcas en Ortegal, das que derivou o manifesto de San Sadurniño, acordado en decembro de 2009.
Nestes días, o alcalde de Cariño remitiu a convocatoria que terá lugar o 13 de febreiro de 2010, na sala de plenos do Concello de Viveiro ás 12,30.
Desde o BNG de Ribadeo queremos convidar a todos os colectivos sociais e económicos da localidade, e da Mariña en xeral, a participaren nela.
Coa unión de todos e todas poderemos empurrar para sacar adiante unha reivindicación básica e clamorosa en materia de infraestrutura viaria da nosa comarca en particular, e do norte de Lugo e A Coruña en xeral. Para nós supoñerá unha nova porta de acceso á nosa comarca para recibirmos visitas e para achegarmos as nosas mercancías ao eixo atlántico. Ao mesmo tempo, lograriamos vertebrar moito mellor a nosa propia comarca.