Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz propón un plan de emprego “máis aló das escolas obradoiros e dos contratos parciais e temporais”

Nota de Prensa

O BNG PROPÓN AOS GRUPOS DA CORPORACIÓN UN VERDADEIRO PLAN DE EMPREGO MUNICIPAL

É necesario ampliar a oferta máis aló das escolas obradoiros e dos contratos parciais e temporais

Foz, 24 de febreiro de 2010.- O portavoz municipal do BNG, Xan Carlos González Basanta, plantexou na Xunta de Portavoces de onte a necesidade de elaborar un Plan de Emprego Municipal serio e continuado. Por iso solicitou dos demáis grupos o compromiso de elaboralo e aprobalo canto antes, compromiso que foi corroborado.

Para o BNG este mal chamado “plan” –pois é máis unha oferta de prazas de peóns- presentado polo Grupo de Goberno non resolve o problema do paro no noso Concello. Segundo Basanta “este plan é só unha medida paliativa pero o Concello de Foz necesita poñer en marcha un verdadeiro plan de emprego duradeiro no tempo e que realmente cre empresa e postos de traballo estables”. A maiores o plan que o Concello poñerá en marcha adoece de ambición pois só está a promover traballos temporais (cunha duración de 4 meses) e a tempo parcial (a media xornada). Así mesmo, este plan vai dirixido exclusivamente a traballos de peón deixando de lado a outras categorías profesionais que tamén sofren o paro como os licenciados, diplomados, auxiliares ou técnicos de Formación Profesional. Por este motivo, o BNG demandou o compromiso do actual grupo de goberno de facer unha nova oferta de postos de traballo dirixido a estas persoas, que foi aceptado.

A proposta do BNG, sen estar en contra do plan presentado, pasa por elaborar un verdadeiro Plan de Emprego Municipal con continuidade no tempo, é dicir, que se faga para levalo a cabo durante 4 anos. Así mesmo, o Plan debe contar con programas dirixidos tanto á promoción do autoemprego –a través de axudas á creación de empresas, programas dirixidos ao comercio ou creación dun fondo municipal de emprendedores- como do emprego – a través de programas de contratación para a reinserción, colaboración con empresas locais con compromiso de contratación ou axudas para a formación en empresas. Para o BNG tamén é moi necesario poñerse en contacto con outras administracións, como a Xunta, para colaborar na creación de emprego estable e asentar poboación no concello.

Desde o BNG somos conscientes que as políticas de emprego municipais non dan resultados se non están acompañadas de políticas estatais e autonómicas, políticas que ata o momento só están castigando ás clases traballadoras e producindo máis paro. Por este motivo, o BNG xa ten demandado dos distintos gobernos do PSOE e do PP que os bancos habiliten créditos ás empresas medianas e pequenas, que se apoien aos sectores productivos do país (naval, pesqueiro ou leiteiro), que haxa un maior investimento público, facer unha reforma fiscal progresiva e que non grave a todos por igual ou que non se recorten os dereitos sociais e laborais dos traballadores.

Exit mobile version