Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz inicia unha campaña informativa sobre o POL en Fazouro e Nois.

NOTA DE PRENSA
O BNG de Foz inicia o Domingo unha campaña informativa sobre o POL en Forxán e Cangas.

Basanta denuncia que só en Nois e Fazouro

o Pol deixa 140 vivendas fora de ordenación

Os nacionalistas focegos denuncian que o POL afecta

solo urbano e de núcleo rural na totalidade do Concello

agás en San Acisclo.

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego considera un auténtico despropósito as propostas e solucións que o Plano de Ordenación Litoral establece para o Concello de Foz, na medida que significa unha hipoteque para o desenvolvemento urbanístico do Concello e impide unha ordenación territorial que faga posíbel un crecemento sustentábel coas potencialidades de futuro que se lle poidan presentar a Foz. Xoan Carlos G. Basanta esixiulle ao PP e ao PSOE “ a que cumpran cos seus deberes e se posicionen sobre o POL. A tranquilidade que reclaman uns é a resposta irresponsábel dun Goberno que se ve desbordado polos seus conflitos internos, e o silencio dos outros e a típica actitude de quen se sabe cómplice dunha agresión de primeira magnitude ao conxunto dos veciños de Foz”.

O Grupo Municipal do BNG criticou que esteamos diante dun documento que se fundamenta na discrecionalidade, só así se explica que en predios colindantes, nuns casos se fixa protección e noutros mellora ambiental ou paisaxística(Pex. Trasmonte en Nois ou o Carballal en Cangas), que se de solucións distintas a realidades semellantes(Pex. Lousada e Bargado en Fazouro) e que se fixen proteccións nuns casos moi por riba da franxa dos 500 metros (Trasmonte ou a Cruz da Lobeira no Santo) e noutros por baixo do dominio público marítimo terrestre. Basanta esixiu que “a Consellaría ten que explicar que criterios seguiu para elaborar este documento, posto que a análise do mesmo dá para pensar que se fixo en función do cliente”.

Os concelleiros nacionalistas criticaron que se sinalen como áreas de protección, na que non vai estar permitido ningún tipo de uso residencial, bolsas de solo incluídas como urbano ou de núcleo rural tanto nas Normas do 81 como no PXOM en tramitación. Así atopamos áreas de protección  entre outras bolsas de Solo Urbano e  de Núcleo Rural como en Abelairas, Carballal e Alemparte en Cangas; na Barrosa, Porto de Nois, Fondo Nois,Arealonga ou Carpacide en Nois; en Bargado, Lousada, Caldouceiro, ou Vilarmea en Fazouro;no Prado de Andarramos,Folgueiras, Forxán, Vilaxoane e Corporacións en Foz; e na Espiñeira e Mañente en Vilaronte. O Portavoz Nacionalista criticou que “o feito de calificar este solo como de protección non só vai significar que queden fora de ordenación todas as vivendas que a día de hoxe están edificadas nestas áreas, que suman arredor de 140 só en Nois e Fazouro, senón que impide edificar en solo que até agora era no que se permitía edificar”.

Os representantes do BNG na Corporación de Foz afirmaron que tamén á area de mellora ambiental e paisaxística, onde vai ser necesaria a dupla licenza naquelas zonas de urbano e solo de núcleo no que se permitan usos residenciais, afecta núcleos do Concello como todo o solo urbano da vila, agás aquel xa citado e definido como de protección e parte do solo de núcleos xa citados así como Vilachá ou Vilamor en Cangas; Morgallón e Caldouceiro en Fazouro; Barrosa e parte de Trasmonte en Nois; o solo de núcleo de Vilaronte non situado en áreas de protección. Basanta  afirmou que segundo se recolle no documento de xestión do POL “ a vontade da Xunta é deixar libre de edificación a área da mellora e optando pola opción máis restrictiva, agora ben, do que non hai dúbida que este documento significa a elaboración de facto dun novo PXOM.”

Os nacionalistas criticaron tamén a falla de rigor técnico do documento que leva a pintar como zona de protección de bosque o silveiral que existe ao pé da rotonda de Fazouro, ou o feito de que só defina un núcleo de identidade litoral para o Concello, a vila de Foz. Basanta considerou”particularmente grave que eliminen con esas características ao resto dos asentamentos costeiros, posto que atendendo a letra da normativa do POL isto significa a imposibilidade de desenvolvemento de Cangas, Nois e Fazouro, no sentido de que o documento autónomico só permite o medre na área de mellora ambiental desde os asentamentos tradicionais.” Asemade os nacionalistas quixeron referir a que este documento ordena usos urbanísticos xa non só por baixo da franxa dos 500 metros, senón que nalgúns casos a máis de 5 kilometros da Costa como é no caso da Cruz da Lobeira ou da Fraga de Martínez, ubicado na zona do Santo, pero que se xeneraliza por exemplo en Nois chegando arriba da Barrosa ou as montes do Faro.

Xa por último o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego anunciou que comezarán o Domingo 21 de Febreiro unha campaña de charlas polo conxunto do Concello que se iniciará cunha charla ás 13:00 h. no Centro Cívico de Cangas e ás 18:00 no Centro Social de Forxán (parroquia de San Martiño) e no que participaran os tres concelleiros nacionalistas. O luns a charla será no local da A.C O Castro de Vilaronte; o xoves, no local social de Marzán; o venres na Casa da Cultura de Foz e o sábado ás 17:00 h. en Fazouro e ás 20:30 h. en Nois . Asemade os Concelleiros dos nacionalistas póñense a disposición dos veciños para aquelas persoas que queiran coñecer en que situación en quedan os seus terreos pasando polo local do BNG en horario de 11:00 a 13:00 e de 18:30 a 20:30 así como para elaborar as suxestións que consideren oportunas

Exit mobile version