Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo informa o martes sobre o POL a veciños de Pedrosa, Cuiña, Rueta, Figueirido e Daián no bar de Figueirido

Nota de Prensa

O BNG INFORMARÁ  SOBRE O P.O.L. AOS VECIÑOS DE PEDROSA, CUIÑA, RUETA, FIGUEIRIDO E DAIÁN MAÑÁ NO BAR DE FIGUEIRIDO

Os nacionalistas informaron que decenas de vivendas destes núcleos quedan afectadas pola área de protección e outras fora de ordenación

Cervo, 22 de febreiro de 2010. O BNG continúa realizando actos informativos polos diferentes núcleos de poboación do concello afectados polo Plan de Ordenación do Litoral. Os nacionalistas teñen programado para mañá martes ás 19.00hrs. un acto informativo no bar de Figueirido enfocado nos núcleos de Figueirido, Pedrosa, Rueta, e Daián nos que numerosas vivendas quedan afectadas pola zona de protección e outras fora de ordenación. Para o BNG a negativa do goberno local a crear unha comisión para valoración do POL e emisión de suxerencias deixa na indefensión a moitos veciños e veciñas cuxas vivendas e propiedades están afectadas por diferentes graos de protección.

Decenas de vivendas de Pedrosa, Cuíña, Rueta, Figueirido e Daián afectadas pola zona de protección ou fora de ordenación

Os nacionalistas detectaron na documentación do POL decenas de vivendas afectadas pola zona de Mellora Paisaxística e Medio Ambiental, onde a filosofía do POL determina a paralización de novos usos urbanísticos, nos núcleos de Pedrosa, Cuiña, Rueta, Figueirido e Daián; moitos deles moi por riba da franxa dos 500 mts. da costa, ademais de outras que quedarían na actual redacción do POL fora de ordenación.

A negativa do PP a crear unha comisión municipal para valoración do POL deixa aos veciños e veciñas afectados na indefensión

A negativa do Partido Popular no pleno do pasado venres a crear unha comisión para valorar e emitir suxerencias ás determinacións do POL en Cervo, deixa na indefensión a moitos veciños e veciñas afectados. Para o portavoz nacionalista Xoán Estúa, “o PP equivócase pensando que o POL e defendíbel só porque quen goberna e o seu partido, ao igual que se equivocaba antes cando dicía que o decreto dos 500 mts.  hipotecaba a costa”, Estúa lembrou que “o POL en Cervo afecta a casi 600 ha. de solo por riba dos 500 mts. da franxa de costa, moito mais do que había antes co Decreto de Medidas Urxentes aprobado polo anterior goberno bipartito que tiña unha filosofía provisional, mentres o POL ten carácter definitivo.”

Exit mobile version