Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo di que a proposta de Portos de Galicia para o porto comercial é “das mellores”

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, califica demoi ambiciosa a oferta que Portos de Galicia lle plantexa a Ence para que a pasta de papel siga a saír desde o porto comercial ribadense. O rexedor e os portavoces municipais escoitaron esta mañá as explicacións que lles ofreceu no salón de plenos do Concello o presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana.

Suárez Barcia sinalou que “cando as cousas se plantexan ben e se prevén correctamente entendo que todos os grupos políticos debemos ser sensatos e neste caso, podo dicir que tanto no BNG, no PSOE, en UPRI e no PP, todos acreditamos e a todos nos pareceu moi boa esta proposta que Portos de Galicia lle acaba de enviar a Ence Navia”. O alcalde explicou que “se trata dunha proposta a cinco anos para que a pasta de papel siga a sair polo porto comercial de Ribadeo. Contempla baixadas nas tarifas que nalgúns casos superan o 50% e ten outros aspectos positivos como o dragado do canal de toda a ría a facer na segunda parte deste 2010 cunha inversión de preto de dous millóns de euros. Tamén inclúe unha ampliación da liña de atraque a base de reforzar a parte final do espigón, que xa da síntomas de que está un pouco esfarelado e que hai que reforzalo e con eso se pode ampliar para que en vez de haber tres barcos como hai agora, un deles cargando, poida haber dous cargando e dous en espera, é dicir un total de catro buques mercantes”.

O rexedor suliñou que “unha parte moi importante é a intención de buscar melloras operativas, melloras loxísticas como por exemplo esta proposta que ten o Concello enriba da mesa desde hai tempo para a crear a terminal de carga e descarga de Feve aquí ao pé do polígono industrial e conectado directamente co porto comercial de Ribadeo. En definitiva son varias as propostas que convertirían ao porto comercial de Ribadeo nun referente continental desde o punto de vista europeo”.

Fuxir de localismos

Fernando Suárez asegurou que “desde Ribadeo entendemos que a oferta que fai Portos de Galicia é moi ambiciosa, é das mellores que poidan estar enriba da mesa en calqueira aspecto. Non é unha oferta para coller flecos senón que se quere facer cuns mínimos de volume de carga de mercadorías e que é por un período de cinco anos e con este criterio Ribadeo volve ser un referente non só no propio concello senón na Mariña e sobre todo no Occidente asturiano”. O alcalde dixo que “moitas veces prodúcense discusións estériles das que eu quero fuxir sempre, das cuestións localistas si Galicia si Asturias si a ría de Ribadeo, etc, etc… o importante é que para o porto comercial de Ribadeo hai un montón de persoas que viven no Occidente asturiano e que a súa economía depende do tránsito de camións que teñen que vir a este porto comercial, e eso é algo que non debe escapárselle a ninguén. O feito de que a pasta de papel siga a estar aquí ou se incremente a carga de saída desde este porto redunda en beneficio de Ribadeo, pero redunda en beneficio do Occidente asturiano sen dúbida”.

Suárez Barcia aludiu ás declaracións efectuadas por Álvarez-Campana esta mañá “como ben di o presidente de Portos de Galicia, ainda que él sexa dunha cor política e nós sexamos doutra, cando as cousas se plantexan ben, entendo que é polo ben do porto de Ribadeo, polo ben da economía do concello no ámbito portuario e polo ben de moitas economías de escala da Mariña e do Occidente asturiano. É unha oferta que me parece moi ambiciosa e moi seria, a xulgar por como se está a recibir polos portavoces municipais e polos diferentes sectores vinculados co porto comercial de Ribadeo”.

Exit mobile version