RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, asina na Coruña coa ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, e co conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, os convenio para proceder á rehabilitación da oitava fase do casco vello de Ribadeo e á primeira do núcleo de Rinlo.
Suárez Barcia considera que “hoxe é un día moi importante para o casco vello de Ribadeo e para o núcleo de Rinlo, porque aquí na Coruña na Delegación do Goberno diante da ministra e do asinamos o convenio da oitava fase da rehabilitación do casco vello de Ribadeo e a primeira do casco de Rinlo. Ditos convenios darán lugar á rehabilitación dun número importante de vivendas, 23 en Ribadeo e 14 en Rinlo, pero tamén posibilitará que se rehabiliten espazos públicos como se veu facendo nestes anos anteriores en Ribadeo e que agora por primeira vez se fará en Rinlo”.
O rexedor ribadense asegurou que “nestes momentos tan delicados da economía estas actuacións veñen a valorizar os nosos territorios coa creación de traballo nas empresas de construción que van ter que facer todas estes arranxos nas vivendas e coa fonte de riqueza turística que esto suporá para Ribadeo e para Rinlo. E esto tamén ven moi ben aplicado a esta política que estamos a levar adiante desde o Concello de Ribadeo sobre todo con aqueles propietarios dos inmobles do casco vello, diálogo e política de man tendida para todos os que queiran rehabilitar e posta á súa disposición de axudas como éstas que acabamos de asinar, pero man dura contra os que nada queren saber destas axudas e que se negan sistematicamente a rehabilitar os seus inmobles”.
O importe dos convenios asinados hoxe na Coruña ascende no caso de Ribadeo a 540.000 euros e no de Rinlo a 329.000. En Ribadeo a Xunta aporta 138.000 euros, o goberno do Estado outros 138.000, o Concello pon 69.000 e os particulares 195.000 euros. E en Rinlo a Xunta aporta 84.000 euros ao igual que o Ministerio de Vivenda, 42.000 pon o Concello e 119.000 os particulares. Os investimentos realizaranse con cargo desde este 2010 e ata o 2012.