RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo asegura que as sentencias non se discuten e que o Concello terá que pagarlle ao ex rexedor o soldo que PP e Santiago Fernández-Reinante lle retiraron no ano 2007. Fernando Suárez lembra que él tamén foi víctima, pero que nunca se lle ocurriría solicitar xudicialmente a devolución deses cartos.
O rexedor sinala que “as sentencias non se deben discutir hai que cumprilas, outra cousa é o que poidamos opinar para os nosos adentros sobre o contido ou o fondo das mesmas, pero hai que cumprila e nada máis”. Fernando Suárez comentou que “á marxe disto, eu no seu momento como primeiro tenente de alcalde tamén fun afectado, agraviado por esa decisión que agora se deriva que non estivo ben adoptada, de que o PP e o señor Fernández-Reinante lle sacaran o soldo ao alcalde e ao primeiro tenente de alcalde. O que pasa é que eu, sen tanto estarabouzo, collín e pedín a alta no meu posto de traballo e no meu tempo libre seguín atendendo ao Concello nas responsabilidades que daquela tiña”.
O alcalde de Ribadeo considera que “como dicía Xosé Afonso, o pobo é quen máis ordea, e o pobo fixo xustiza daquela, a uns metéunos na oposición máis do que estaban e a outros que estaban no goberno mandáronos para a oposición e dentro dun ano e pico tamén o pobo voltará a falar cos resultados que mellor digan”.
Suárez Barcia reiterou que “a sentencia hai que cumprila, a esta persoa haberá que pagarlle este diñeiro, non é prato de bó gusto, pero hai que pagarllo. E insisto eu tamén fun víctima e nunca se me ocurriu nin se me ocurriría solicitar xudicialmente esto, ainda que puidera ter a razón de facelo porque eu entendo que na vida hai cousas legais, ilegais, pero tamén hai cousas morais e inmorais”.