RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo acusa a algúns sindicatos e grupos da oposición de difamar e minar a credibilidade do equipo de goberno coas declaracións que están a realizar nas últimas xornadas sobre a negociación colectiva. Fernando Suárez asegura que non haberá subas de soldo pola cara.
O rexedor dixo que “se están a producir acusacións nos últimos días, por unha banda sindicatos de cabreados e por outra grupos de oposición, que o único que pretenden é difamar e minar a credibilidade do equipo de goberno e do seu alcalde, están a dicir cousas que non son certas e que eu quero desmentir esto con total rotundidade”.
Fernando Suárez manifestou que “no goberno municipal encargamos a un organismo independente, como é a Universidade de Santiago de Compostela, a redacción dunha relación de postos de traballo, precisamente porque unha serie de sindicatos nos dixeron hai un par de anos que debería ser elaborada deste xeito e non como se fixera anteriormente que se elaborara desde dentro do Concello e así houbo unha serie de resultados que todo o mundo coñece”.
O alcalde seguiu a relatar que “unha vez elaborada esa relación de postos de traballo foi ensinada aos diferentes sindicatos para que fixesen as súas aportacións. Hai uns sindicatos que presentaron unha serie de alegacións e outros, os menos, que non queren saber nada de dialogar sobre esa materia. As valoracións que desa RPT se deriven e no caso de que poidamos chegar a un acordo entre o goberno municipal e os sindicatos será absolutamente dentro do marco da legalidade e da situación económica do Concello, polo que ningún traballador debe esperar que se lle vaia subir o soldo pola cara, desde logo o goberno municipal non vai plantexar eso”. Suárez Barcia engadiu que “nós xa dixemos alto e claro, cos informes técnicos que avalan esta postura, que non podemos entregar cantidades en concepto de gratificacións por servizos que non se teñen prestado. De aí que si hai algunha proposta para subir o salario dalgún traballador será a costa de que este traballador faga máis cousas das que ven facendo ata o de agora e será desde o momento en que eso sexa efectivo, nunca con efectos retroactivos”.
O rexedor insiste que está a negociar cos sindicatos, “si froito desta negociación hai un acordo terá que ir ao pleno da Corporación, que formamos catro grupos políticos e lembro unha vez máis, que para ben ou para mal o goberno municipal non ten a maioría. Esto non é unha decisión arbitraria do alcalde. En todo caso o que estou advertindo nos últimos tempos é que quizáis haxa algún sindicalista que non está de acordo co que di a Universidade de Santiago xa que non se propón ningún suba e está disgustado ou disgustada e dispara contra todo o que se move, enreda con todos os grupos da Corporación para ver si poden danar o crédito do grupo de goberno municipal. Pero eu estou moi por enriba desas críticas e estou posto aquí polos veciños de Ribadeo, durante o tempo que estea, para tentar racionalizar a situación laboral e a situación tanto interna como externa do Concello e sinceramente e coa man no corazón o que máis me preocupa agora é a situación externa, a moita diferencia do que poida haber dentro por moitos agravios que puideran producirse no pasado”.