Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo inspeccionou unha obra da Deputación para “detectar as posibles eivas e deficiencias”

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estivo inspeccionando as obras de mellora do trazado entre San Román de Vilastrofe e Burela que está a desenvolver a Deputación de Lugo para elaborar un informe no que lle pedirán a Deputación que solvente eivas antes de que rematen os traballos

Nota de Prensa

O CONCELLO SOLICITARÁ  Á DEPUTACIÓN O ARRANXO DE DEFICIENCIAS NAS OBRAS QUE ESTÁ  A DESENVOLVER ENTRE SAN ROMÁN E BURELA

* O alcalde e técnicos municipais inspeccionaron o trazado da vía para elaborar un informe no que lle pedirán ao ente provincial que solvente estas eivas antes de que rematen os traballos

Cervo, 16 de febreiro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estivo inspeccionando esta mañá xunto con técnicos municipais as obras de mellora do trazado entre a parroquia cervense de San Román de Vilastrofe e o Concello de Burela que está a desenvolver a Deputación de Lugo.

O obxecto de esta revisión era detectar as posibles eivas e deficiencias das obras “para atallalas antes de que a obra estea finalmente rematada”  indicou o rexedor local. Segundo Villares, as deficiencias detectadas refírense principalmente aos enlaces da estrada provincial coas carreteiras locais e as máis graves sitúanse basicamente na estrada que vai á Alleira (no cruce de San Román coñecido como “da Estatua”) e  na zona dos Feás (na estrada que vai a Rúa polo Seixoso).

No primeiro punto -a estrada que vai á Alleira- os técnicos municipais detectaron un perigo evidente para a seguridade vial, posto que a rampla de conexión da estrada provincial con este vial presenta deficiencias e desprendementos de terra, polo cal o Concello solicitará da Deputación a construción dunha escollera para evitar así o derrubamento do firme.

No outro punto máis conflitivo -o cruce da estrada provincial co vial local dos Feás-  o Concello de Cervo detectou eivas nos traballos dos sistemas de canalización e recollida das augas pluviais. “A maiores distas dúas –sinalou o alcalde- atopamos outras deficiencias que tamén lles serán comunicadas ao longo desta semana aos responsables de Deputación mediante un informe municipal para que o teñan en conta e podan subsanalos antes de que rematen as obras de mellora desta estrada” indicou Villares.

O alcalde cervense felicitouse polo próximo remate destes arranxos e lembrou que os mesmos naceron a proposta do Concello de Cervo que no seu momento promoveu a súa realización con cargo a fondos provinciais. Neste senso lembrou que a lentitude por abordar esta actuación por parte do actual grupo de goberno provincial suscitara unha “innumerable” cantidade de queixas de veciños e do propio consistorio, “pero parece que por fin será unha realidade” sinalou.

Villares lembrou que estas obras proceden do Plan Operativo Local provincial do ano 2006, cando o Partido Popular tiña a responsabilidade de Goberno na Deputación lucense. Daquela o organismo provincial adxudicara as obras de ensanche e mellora do trazado entre a estatua do filántropo D José Álvarez (na parroquia de Vilastrofe) ata o limite co municipio de Burela -incluída a construción dunha ponte sobre o río Xunco- por valor de 420.000 euros. A este investimento inicial hai que engadir tamén os 391.489 euros aportados en xuño do pasado ano polo actual goberno bipartito provincial para as obras de asfaltado de dito vial.

Exit mobile version