CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estivo inspeccionando as obras de mellora do trazado entre San Román de Vilastrofe e Burela que está a desenvolver a Deputación de Lugo para elaborar un informe no que lle pedirán a Deputación que solvente eivas antes de que rematen os traballos
Nota de Prensa
O CONCELLO SOLICITARÁ Á DEPUTACIÓN O ARRANXO DE DEFICIENCIAS NAS OBRAS QUE ESTÁ A DESENVOLVER ENTRE SAN ROMÁN E BURELA
* O alcalde e técnicos municipais inspeccionaron o trazado da vía para elaborar un informe no que lle pedirán ao ente provincial que solvente estas eivas antes de que rematen os traballos
Cervo, 16 de febreiro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, estivo inspeccionando esta mañá xunto con técnicos municipais as obras de mellora do trazado entre a parroquia cervense de San Román de Vilastrofe e o Concello de Burela que está a desenvolver a Deputación de Lugo.
O obxecto de esta revisión era detectar as posibles eivas e deficiencias das obras “para atallalas antes de que a obra estea finalmente rematada” indicou o rexedor local. Segundo Villares, as deficiencias detectadas refírense principalmente aos enlaces da estrada provincial coas carreteiras locais e as máis graves sitúanse basicamente na estrada que vai á Alleira (no cruce de San Román coñecido como “da Estatua”) e na zona dos Feás (na estrada que vai a Rúa polo Seixoso).
No primeiro punto -a estrada que vai á Alleira- os técnicos municipais detectaron un perigo evidente para a seguridade vial, posto que a rampla de conexión da estrada provincial con este vial presenta deficiencias e desprendementos de terra, polo cal o Concello solicitará da Deputación a construción dunha escollera para evitar así o derrubamento do firme.
No outro punto máis conflitivo -o cruce da estrada provincial co vial local dos Feás- o Concello de Cervo detectou eivas nos traballos dos sistemas de canalización e recollida das augas pluviais. “A maiores distas dúas –sinalou o alcalde- atopamos outras deficiencias que tamén lles serán comunicadas ao longo desta semana aos responsables de Deputación mediante un informe municipal para que o teñan en conta e podan subsanalos antes de que rematen as obras de mellora desta estrada” indicou Villares.
O alcalde cervense felicitouse polo próximo remate destes arranxos e lembrou que os mesmos naceron a proposta do Concello de Cervo que no seu momento promoveu a súa realización con cargo a fondos provinciais. Neste senso lembrou que a lentitude por abordar esta actuación por parte do actual grupo de goberno provincial suscitara unha “innumerable” cantidade de queixas de veciños e do propio consistorio, “pero parece que por fin será unha realidade” sinalou.
Villares lembrou que estas obras proceden do Plan Operativo Local provincial do ano 2006, cando o Partido Popular tiña a responsabilidade de Goberno na Deputación lucense. Daquela o organismo provincial adxudicara as obras de ensanche e mellora do trazado entre a estatua do filántropo D José Álvarez (na parroquia de Vilastrofe) ata o limite co municipio de Burela -incluída a construción dunha ponte sobre o río Xunco- por valor de 420.000 euros. A este investimento inicial hai que engadir tamén os 391.489 euros aportados en xuño do pasado ano polo actual goberno bipartito provincial para as obras de asfaltado de dito vial.