Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela convoca os propietarios de locais de ocio nocturno para buscar fórmulas de negocio e convivencia veciñal

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, ven de convocar aos propietarios de locais de ocio nocturnos a un encontro que terá lugar o vindeiro venres 5 de febreiro ás 11:30 horas no salón de plenos do Concello. O obxectivo é analizar os temas que preocupan aos hosteleiros e aos veciños de Burela e buscar solucións que permitan unha correcta convivencia entre ambas partes.

O rexedor sinala que “tomamos a iniciativa de convocar a todos os responsables dos locais de ocio nocturno de Burela para unha xuntanza a celebrar no Concello. Tentaremos falar de todos aqueles temas que preocupan aos propios industriais destes negocios, aos veciños e ao Concello. Teremos unha conversa fluida na que todo o mundo verterá as súas opinións, pero do que se trata é de buscar solucións para que todo o mundo poida convivir correctamente, de tal modo que os locais de ocio poidan traballar armoniosamente e que os veciños poidan descansar”. Alfredo Llano engade que “queremos buscar solucións que satisfagan a todo o mundo, escoitaremos todas as preocupacións dos industriais… é importante que existan estes negocios en Burela, pero tamén hai que garantir o descanso dos veciños e que se respete a todo o mundo. É importante que todo esto funcione de maravilla e que atraiga á xente que poida vir de fora e ao mesmo tempo que os nosos rapaces se queden aquí. Eso implica responsabilidades e compromisos e trataremos de asumilos tanto pola parte industrial como pola institucional (do Concello)…queremos que exista armonía e respeto en todos os ámbitos”.

Máis desperfectos do temporal

Por outra banda, o alcalde de Burela solicitóulle a Augas de Galicia que envíe aos seus técnicos á vila para supervisar a ponte do Perdouro, que resultou danada polas intensas chuvias da fin de semana do pasado 22 de xaneiro. Alfredo Llano apunta a que “existe unha preocupación grande no Concello tras os importantes problemas ocasionados polas chuvias de hai uns días, estivemos limpando o curso do regato dos Matos e agora apareceu un novo problema na ponte do Perdouro. Agora queremos que se revise para que non ocasione dificultades de cara á circulación de vehículos e hoxe púxenme en contacto con Augas de Galicia para que os técnicos veñan aquí, valoren os danos que sufriu esa ponte, analicen todos as posibilidades e que garanticen que se pode transitar sen problemas por esa zona”.

Exit mobile version