BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, anuncia que será a Deputación Provincial de Lugo a encargada de reparar a ponte do Perdouro. Varios técnicos da institución, entre os que se atopan un arquitecto e un enxeñeiro de Camiños, visitaron hoxe a zona e comprometéronse a acometer os arranxos o antes posible. Alfredo Llano explicou que “a ponte, que é responsabilidade municipal, foi visitada por técnicos da Deputación que estiveron avaliando os danos que sufriu por mor das intensas chuvias caídas hai unhas semanas. Será a Deputación a que faga os traballos de mellora e Augas de Galicia encargarase de limpar o caudal do río do Matos. As dúas intervencións compleméntanse e así axilizamos todo un pouco máis”.
Os técnicos da Deputación tamén cursaron visita acompañados do rexedor á zona de A Marosa-A Casilla para analizar a posibilidade de retomar unhas obras de canalización que quedaron paradas hai uns anos. Llano sinalou que “se trata dunha canalización que vai desde A Marosa ata A Casilla, alí hai que poñer en marcha unha caseta de bombeo de augas residuais e van analizar si é necesario canalizar tamén cable para esa estación. É un proxecto que quedou paralizado hai anos e que nós agora queremos retomar e complementar con outro do POS que suporía a construcción de aceras e a instalación de alumeado público a nese tramo. A Deputación quere ter listo ese proxecto de canalización para finais de febreiro”.
Estado da auga
O alcalde de Burela tamén se referiu ao estado da auga da traída e ás últimas críticas verquidas desde o grupo municipal popular. Alfredo Llano manifestou que “as intensas chuvias destas semanas ocasionaron que nalgunha ocasión algúns puntos de Burela recibiran a auga algo turbia, pero sempre foi potable porque así o confirmaban todas as analíticas realizadas. Hai situacións que ás veces son inevitables, chove moito a auga vai moi revolta nos ríos e nos encoros e pode chegar turbia aos fogares. Agora a situación está normalizada, pero insisto en que auga sempre foi potable”.