FOZ .- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras de mellora da rede de abastecemento do municipio lucense de Foz. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste nesta obra un total de 1.960.213 euros, dos 2.178.014 euros do custe total desta obra, é dicir, o 90 % da actuación. O 10% restante será aportado polo Concello de Foz.
Nota de Prensa
MEDIO AMBIENTE LICITA AS OBRAS DE MELLORA DA REDE DE ABASTECEMENTO DO CONCELLO LUCENSE DE FOZ POR MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS
* Esta actuación, inclúe melloras de elementos existentes e construción doutros novos, encamiñados a aumentar a capacidade de abastecemento e a calidade das augas tratadas
* A delegada territorial, Raquel Arias, que a semana pasada xa explicou o proxecto aos portavoces dos grupos políticos con representación no consistorio focense, indica que as obras está previsto que estén rematadas no ano 2011
Lugo, 24 de febreiro de 2010.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) anuncia hoxe a licitación das obras de mellora da rede de abastecemento do municipio lucense de Foz, tal e como xa anunciara a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na visita que realizou a Foz para explicar o proxecto aos representantes dos grupos políticos con representación no consistorio focense.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste nesta vila un total de 1.960.213 euros, dos 2.178.014 euros do custe total desta obra, é dicir, o 90 % da actuación. O 10% restante será aportado polo Concello de Foz. Arias indicou que “as obras serán executadas pola Xunta de Galicia e o prazo de execución sitúa no 2011 a data de remate desta mellora longamente esperada polos veciños de Foz”.
Esta actuación prevese que sexa iniciada no próximo verán e forma parte dos proxectos nos que Augas de Galicia participa financeiramente, debido á escasa capacidade das entidades locais para sufragar os custos deste tipo de obras. Nese senso, as obras obxecto deste acordo corresponden á construción de infraestruturas en concellos que teñen un orzamento insuficiente para financiar as mesmas.
En concreto, estas actuacións axudarán a dotar ao Concello de Foz, que actualmente conta cun censo poboacional de 10.000 habitantes e que nos meses de período estival chega a triplicarse, dunha maior capacidade hidráulica no seu sistema de abastecemento, a través dun aumento do caudal dispoñible, e así proporcionar unha maior calidade final da auga.
O proxecto hidráulico
Esta actuación hidráulica do departamento que dirixe Agustín Hernández foi examinada e supervisada pola Área de Programación e Seguimento de Obras de Augas de Galicia. Así, o proxecto de obra inclúe melloras de elementos existentes e construción doutros novos, encamiñados a aumentar a dotación de abastecemento e a calidade das augas tratadas. Así, actuarase en cinco puntos da rede de abastecemento:
Na captación existente no río Ouro limparase a vexetación existente e se procederá ao dragado para aumentar o caudal dispoñible para o abastecemento.
Ademais, procederase á construción dun novo depósito de 4.089 metros cúbicos de capacidade, que se instalará xunto ao xa existente, de paneis pretensados con cámara de chaves, que aumentará a capacidade de regulación e almacenamento da rede. Executarase un muro de escollera para a contención de terras e un peche conxunto dos dous depósitos.
Outro punto de actuación será no sistema de condución e captación da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Foz. Levarase a cabo unha limpeza da vexetación, dragado e estabilización de marxes na canle natural; mentres que na canle de formigón retiraranse os materiais deteriorados, e procederase ao entubado e impermeabilización local do parámetro interior para evitar filtracións, así como á protección de marxes e noiros con gavións e malla metálica.
Na propia ETAP de Foz renovarase a estrutura metálica dos cinco filtros de area e as instalacións interiores de saída da auga tratada, liña de aire e lavado de filtros polo seu estado deficiente e envellecido. Isto permitirá aumentar o rendemento da planta para garantir o caudal de bombeo actual, próximo aos 300 metros cúbicos/hora. Tamén se inclúe a execución dun novo peche da parcela na que se ubica a ETAP.
Por último, tamén se actuará no depósito de Fazouro, ao que chega –mediante bombeo- a auga tratada na ETAP de Foz. Farase unha rehabilitación interior e exterior con reimpermeabilización integral da cuberta deste depósito existente con capacidade para 3.900 metros cúbicos e cambiaranse as conducións de fibrocemento de entrada e saída por outras de fundición dúctil.