LUGO.- 32 entidades terán representación o domingo na proba que organiza a Delegación Territorial de Lugo, a través do servizo de Deportes, en colaboración coa delegación da Federación Galega de Atletismo e participarán máis de 400 escolares
Nota de Prensa
MÁIS DE 400 ESCOLARES DISPUTAN O DOMINGO AS FINAIS PROVINCIAIS DAS PROBAS DE CAMPO A TRAVÉS PROMOVIDAS POLA XUNTA
* As competicións reúnen a nenos de entre 7 e 15 anos e desenvolveranse a partir das 11.00 horas no circuíto habilitado no entorno do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo
* Un total de 32 entidades terán representación na proba que organiza a Delegación Territorial de Lugo, a través do servizo de Deportes, en colaboración coa delegación da Federación Galega de Atletismo
Lugo, 5 de febreiro de 2010.- Máis de 400 nenos e nenas de Lugo participarán o próximo domingo nas finais provinciais da competición de campo a través que promove a Xunta de Galicia a través do programa Xogade.
As carreiras, organizadas pola Delegación Territorial de Lugo a través do Servizo de Deportes e en colaboración da delegación da Federación Galega de Atletismo, disputaranse a partir das 11.00 horas no circuíto habilitado no entorno do Pazo de Feiras e Congresos, no que se prepararán dous trazados para o desenvolvemento das probas.
A esta competición lograron o pase trala celebración das distintas fases zonais dende o mes de decembro rapaces de idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos (nados entre os anos 1994-2002) pertencentes a 32 entidades (colexios, clubs e escolas municipais).
O cadro das probas por categorías e distancia é o seguinte:
+ (11.00 horas) Benxamín F 600 metros
+ (11.05 horas) Benxamín M 600 metros
+ (11.15 horas) Alevín F 1.150 metros
+ (11.30 horas) Alevín M 1.550 metros
+ (11.45 horas) Infantil F 1.550 metros
+ (12.00 horas) Infantil M 1.900 metros
+ (12.15 horas) Cadete F 2.300 metros
+ (12.30 horas) Cadete M 3.800 metros
As probas son valedoiras para o campionato autonómico que se celebrará o próximo día 27 deste mes na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal, para a que lograrán praza os dous mellores equipos en cada categoría e os oito primeiros clasificados en cada carreira.
Na lista de participantes do próximo domingo destacan as delegacións que desprazan os clubs Lucus de Lugo e San Roque de Viveiro, as Escolas Municipais de Castro de Rei e o colexio A Gándara de Monforte.
Xornadas de loita olímpica
O próximo domingo, o Pavillón Municipal de Vilalba acollerá a primeira das xornadas de loita olímpica que organiza a Xunta de Galicia dentro do programa Xogade. Na actividade tomarán parte preto de 120 nenos de categorías benxamín e alevín, entre os que estarán os membros do club de loita de Vilalba. O inicio das probas está previsto para as 11.00 horas para dar conclusión arredor das 14.00 horas.
En total, 12 entidades de distintos puntos da comunidade contarán con representación nesta primeira das dúas probas preparatorias para o Galego desta especialidade deportiva en idade escolar.