NOTA DE PRENSA
A través dunha iniciativa que foi presentada hoxe en rolda de prensa por José Manuel Balseiro, acompañado por varias directivas da Federación Galega de Redeiras Artesás, que representa a un colectivo formado por preto dun milleiro de traballadoras e traballadores
O GRUPO POPULAR INSTA Á XUNTA A CREAR UN SELO DE IDENTIFICACIÓN DAS REDES DE PESCA FABRICADAS OU AMAÑADAS POLAS REDEIRAS E ATADORAS ARTESÁS
* Os populares pretenden, con esta proposta, que se dignifique o traballo das redeiras, así como eliminar o intrusismo e a competencia desleal nesta actividade.
Santiago, 12 de febreiro de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular ven de rexistrar na Cámara galega unha proposición non de lei pola que insta á Xunta a desenvolver as xestións e estudios oportunos para impulsar a creación dun selo de identificación das redes fabricadas ou amañadas polas redeiras e atadoras artesás. A iniciativa foi presentada hoxe en rolda de prensa polo voceiro de Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, acompañado por varias directivas da Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, que representa a un colectivo formado por preto dun milleiro de traballadoras e traballadores.
A proposta dá resposta a unha demanda fundamental da dita Federación e con ela os populares pretenden que se dignifique o traballo das redeiras, así como eliminar o intrusismo e a competencia desleal nesta actividade. Igualmente, ten por obxectivo mellorar as condicións laborais “das auténticas profesionais” e garantir unha estabilidade nos ingresos por esta actividade, segundo salientou Balseiro,
Doutra banda, a creación do selo homologador para as redes confeccionadas por redeiras galegas, engadiu o deputado, “permitiría tamén identificar a calidade dos materiais empregados na súa feitura e o cumprimento da normativa de tamaño de enmalle, material, fabricación sustentable e así un longo etcétera segundo a arte que se corresponda”. Así, o selo serviría de garantía, de aval e de recoñecemento para queles aparellos elaborados ou reparados artesanalmente por estas traballadoras.
TEMPORALIDADE E INTRUSISMO
José Manuel Balseiro fixo fincapé en que a fabricación artesanal de redes para a pesca, malia traballar nela preto dun milleiro de persoas, “é unha profesión que ata o momento non foi recoñecida convenientemente”, ademais de estar “marcada pola temporalidade e ocupada nun 70 por cento por man de obra feminina”. Así, ocorre que estes profesionais desenvolven maioritariamente este traballo “como unha actividade complementaria ao seu labor no fogar”, circunstancia que provoca que “moitas veces se vexan prexudicadas pola competencia desleal ou por habituais casos de intrusismo”.
O deputado popular gabou a iniciativa destas traballadoras, que as levou a organizarse “para pór en valor a súa actividade e obter o recoñecemento profesional que por dereito merecen”. Nese sentido, resaltou que, por exemplo, nos últimos tempos comezaron a crearse as primeiras cooperativas de redeiras “como fórmulas moi útiles para regularizar a súa situación profesional e garantir a estabilidade e continuidade neste importantísimo traballo sen o que a pesca non sería posible”.
A dignificación desta profesión e a defensa dos intereses deste colectivo é precisamente un dos obxectivos principais dea Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, constituída en novembro de 2004 e que “serviu para poñer freo aos graves problemas de desunión e invisibilidade das redeiras e atadoras”, remarcou Balseiro en presencia das directivas da dita Federación.