CERVO .- Gas Galicia, a empresa concesionaria do subministro deste combustible no termo municipal de Cervo ampliará a súa rede distribución ata o núcleo de Río Cobo e no Concello din que axilizarán os trámites para que todo o municipio poda contar con servizo de gas cidade.
Nota de Prensa
O CONCELLO AXILIZARÁ OS TRÁMITES PARA QUE TODO O MUNICIPIO PODA CONTAR CON SERVIZO DE GAS CIDADE
* Gas Galicia pretende ampliar ata Río Cobo a rede de distribución inicialmente prevista no proxecto inicial
* O Concello procurará facilitar que os distintos núcleos de poboación do municipio poidan contar con este servizo canto antes
Cervo, 23 de febreiro de 2010.- A empresa Gas Galicia, concesionaria do subministro deste combustible no termo municipal, ven de solicitar no concello de Cervo licencia de obras para ampliar a súa rede distribución ata o núcleo de Río Cobo.
Segundo o alcalde, Alfonso Villares, a intención da empresa é aproveitar os traballos de construción da rede contemplada inicialmente e que están a desenvolver actualmente para estendelos ata o núcleo de Río Cobo e poder así dar tamén servizo a esta área de poboación do termo municipal. “Deste xeito -sinalou- as vivendas de Río Cobo unirase a San Ciprián e ao polígono de Cuíña en ser os primeiros núcleos onde a empresa concesionaria ten previsto ofertar este servizo”. A este respecto o alcalde asegurou que o Concello tentaría axilizar “ao máximo” tódolos trámites que sexan da súa competencia “para facilitar na medida do posible que todos os núcleos de poboación do noso concello poidan dispoñer do servizo de gas canto antes”.
Villares indicou tamén que esta ampliación da rede gasística solicitada por Gas Galicia poderá beneficiar tamén ás vivendas que se atopen no novo trazado que subministrará o gas dende os depósitos centrais de Cuíña ata Río Cobo “ampliando así o número de veciños que poderán disfrutar a custes rendibles desta enerxía alternativa, a cal, esperemos que se vaia estendendo paulatinamente polo noso termo municipal nun breve espazo de tempo” sinalou.
Convenio
O Concello de Cervo e Gas Galicia firmaron a principios deste mes un convenio consistente no arrendamento por parte do Concello á empresa concesionaria do subministro e da rede de distribución deste combustible no termo municipal dunha finca de propiedade municipal de 3.724 metros cadrados situada no polígono de Cuíña para a construción dunha planta satélite provisional de recepción, almacenamento e gasificación de gas natural licuado. A duración do arrendamento será de cinco anos prorrogables ata un máximo de dez por períodos anuais e por cada uno deles o Concello percibirá 10.800 euros máis IVA.
O Concello de Cervo leva xa tempo tendo en conta a proximidade da posta en marcha deste servizo. Por iso, dende hai un ano as obras de mellora acometidas nas rúas de San Ciprián xa contemplan as canalizacións deste servizo “co obxecto de non ter que volver a abrir as rúas ao tempo que axilizamos a posta en marcha do servizo” lembrou Villares.