RIBADEO (FNC) .- O vindeiro venres 5 de febreiro dará comezo en Ribadeo un ciclo de conferencias denominado Facendo viva a voz das mulleres. A primeira charla estará adicada ao grupo de gaiteiras Meniñas de Saudade, no ano no que se conmemora o 50 aniversario da súa creación. Será ás 20:30 horas na Casa do Mar e alí exporase o documental Saudade e retrato en sí bemol realizado por María Acuña, comunicadora audiovisual.
A concelleira de Muller, Mariluz Álvarez Lastra, convida “a todos os veciños tanto da nosa vila como dos arredores a que participen no ciclo de charlas que dará comenzo este venres e que trata de valorizar a contribución que as mulleres tanto de Ribadeo como da Mariña tiveron na nosa historia, aquelas mulleres que foron suxeitos anónimos pero que deixaron pegada polo seu quefacer en calqueira dos ámbitos da vida”.
A edil nacionalista sinala que “imos comezar este ciclo divulgando o que foi o grupo de gaiteiras de Ribadeo Meniñas de Saudade. Elixímolas a elas para iniciar esta andaina por seren de Ribadeo e porque neste 2010 se cumpren 50 anos da creación de dito grupo. Foi o primeiro grupo de banda de gaitas formado exclusivamente por mulleres en Galicia”.
Álvarez Lastra engade que “as charlas terán continuidade en diferentes venres ao longo deste inverno e da primavera e en cada cita tentaremos dar a coñecer a historia, a vida e a contribución que tiveron as mulleres da Mariña e as de Ribadeo en calquera ámbito da música, da arte…”.
Un pouco de historia do grupo Saudade
Saudade nace baixo o mecenazgo de Carlos Súarez Couto en 1960. Son a primeira banda de gaitas formada exclusivamente por mulleres de Galicia e do estado, e posiblemente en todo o mundo.
Nun principio foron sete: Teresa Amor Simón, Mª Dolores Ponte Forés, Elena Fernández, Mª Carmen Carnota López, Concepción Redondo Lastra, María Cubero Loredo e Teresa Rodríguez Ruíz e foron sumándose posteriormente Carmen Rodríguez Ruiz, Josefa Otero López, Laura Alonso, Carmucha Pérez, Gloria Alonso Del Riego, Alvarita Diaz Muñiz, Marisa Peña Rego…
Amando Súarez retrata a estas sete gaiteiras nun cadro que serviu para financiar o monumento ao gaiteiro erixido en Santa Cruz en 1965, obra do escultor ourensán Failde, cadro que se vendeu ao Museo Provincial de Lugo. A súa compositora tamén era unha muller, Amadora Suárez Couto.
A indumentaria que usaban era tipíca ribadense do S. XVIII. Para a confección dos traxes documentarónse na Real Academia Galega, no Ballet Galego de A Coruña e en cadros do pintor Dionisio Fierros Álvarez. Dirixiu a confección dos traxes Matilde García de Paredes.
Inauguraron o ferrocarril da Costa e o primeiro barco de Pescanova en Vigo, filmáronas en Betanzos para a película Asi es Galicia (dirixida pos Santos Núñez, 1964), no documental de Galicia Insólita apareceron no NO DO. Estiveron no Gran Teatro de Lisboa e na televisión portuguesa e percorreron Galicia e Asturias. En 1997, a raíz da súa aparición na TVG Saudade desfilou por última vez polas rúas ribadenses na Cabalgata de Reis.