CERVO .- Técnicos do Concello de Cervo farán a longo dos vindeiros días comprobacións da potencia da sinal da TDT nos núcleos de Daián e Figueirido, poboacións do municipio que presentan as maiores dificultades para a recepción desta sinal.
Segundo explicou o rexedor, Alfonso Villares, estas medicións lévanse nestes días aproveitando a posta en marcha do novo reemisor principal do veciño concello de Burela. “O que pretendemos é coñecer de xeito pormenorizado si a posta en funcionamento deste reemisor en Burela pode beneficiar a calidade da sinal nestes dous núcleos, os cales están moi preto do lugar onde está situado o devandito reemisor. Non sendo así, poñerémonos en contacto coa administración autonómica para solventar as posibles carencias nestes dous burgos” indicou o alcalde cervense.
Villares dixo que no caso de continuar existindo zonas de sombra a pesares da posta en funcionamento do reemisor de Burela, o Concello garantirá a recepción da sinal da televisión dixital terrestre para estes dous burgos. “Miraremos, xunto coa Xunta, a posibilidade de instalar un microreemisor que nos permita solucionar a problemática que temos nestes dous núcleos” adiantou.
Por último, o alcalde cervense criticou o proceder do Goberno central á hora de levar adiante a transición á TDT nas localidades de menos de 50 habitantes -coma o caso de Daián e Figueirido-. “Nos Concellos -asegurou- é onde empezan e rematan todos os problemas da xente. Resulta chocante ver como a administración estatal decide unilateralmente cortar a sinal analóxica sen resolver o problema económico daquelas persoas que viven en núcleos de menos de 50 habitantes e que por estar en zonas de sombra van a ter que costear en cada domicilio entre 400 e 600 euros por uns dispositivos de recepción vía satélite”.