Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo solicita a Augas de Galicia a rehabilitación dos muíños do Xunco

CERVO .- Técnicos da unión temporal de empresas (UTE) UTE Iceacsa/Ain-Active estiveron no día de hoxe desenvolvendo traballos de catalogación e escolma de datos das distintas infraestruturas tradicionais de carácter hidráulico industrial do municipio de Cervo.

Segundo indicou o alcalde, Alfonso Villares, os traballos desenvolvidos por estas persoas forman parte da segunda fase dun proxecto posto en marcha hai uns meses por Augas de Galicia co obxecto de elaborar un inventario exhaustivo de tódolos elementos etnográficos hidráulicos da comunidade autónoma.

“No pasado verán os técnicos solicitáronnos información sobre a situación deste tipo de elementos patrimoniais no noso termo municipal para cotexalos coa información da que dispoñían nos seus planos de estudo iniciais” indicou Villares. “Hoxe -proseguiu- desprazáronse ata aquí para ver sobre o terreo algúns deles e tamén para facer unha recollida de datos máis exhaustiva en catro destes enclaves, que son os que pretendemos solicitar formalmente para que Augas de Galicia acometa a súa rehabilitación e posta en valor”.

Os inmobles que pretende solicitar o Concello para súa posta en valor dentro deste proxecto son a central eléctrica de Cucurny (situada nas inmediacións da Casa da Administración de Sargadelos e coñecida polos veciños como “a turbina de Cucurny”) e os muíños do Pernán, dos Bernizes (en Sargadelos) e de Vilastrofe (na parroquia de San Román).

* O muíño do Pernán é o muíño de maiores dimensións que se atopa na ribeira do Xunco e está encadrado nun entorno natural privilexiado.

* A turbina de Cucurny é unha pequena construción situada nas inmediacións da Casa da Administración de Sargadelos e que aínda conserva a maquinaria orixinaria de 1900. Esta construción tiña por obxecto subministrar enerxía eléctrica á primeira fábrica de materiais cerámicos fundada por Leandro Cucurny en Sargadelos e que posteriormente trasladou a Burela.

* O muíño dos Bernizes (ou dos Barnices) é un muíño que se atopa na ribeira do Xunco moi preto das antigas fábricas de Louza de Sargadelos. Orixinariamente estaba destinado a moer os materiais que se empregaban para elaborar os pigmentos que se empregaban na elaboración da louza.

* O muíño de Vilastrofe atópase nun lugar privilexiado da parroquia de San Román. Posúe un lavadoiro público ao seu carón e presenta un estado de conservación bastante óptimo.

O motivo da elección destes catro enclaves están baseados, segundo indicou o alcalde, “na súa importancia etnográfica, histórica e paisaxística”. “Trátase de edificios moi singulares aos cales pretendemos darlles a importancia que se merecen” asegurou. Villares tamén quixo ser cauto e puntualizou que esta proposta é “un paso máis” dentro do programa que está a levar adiante Augas de Galicia para inventariar os muíños, presas, serradoiros, ferrerías e pesqueiras dos ríos de Galicia. Unha vez o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente reciba todas as propostas dos Concellos terá que decidir a súa programación de actuación “e entón será cando poderemos falar dos detalles dos proxectos de rehabilitación e dos prazos; así como doutros temas como a titularidade dos inmobles, xa que en moitos casos tratase de propiedades privadas” indicou. “De tódolos xeitos, as nosas xestións van encamiñadas a poñer en valor todos os enclaves de interese respectando a súa historia e o seu atractivo paisaxístico e patrimonial” asegurou o rexedor.

Exit mobile version