Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo homenaxeará as bisavoas do Concello o Día da Muller Traballadora

CERVO .- O Concello de Cervo homenaxeará as bisavoas do Concello o Día Internacional da Muller Traballadora, será o domingo, 7 de marzo, no auditorio municipal da Casa da Cultura a partires das seis da tarde.

Nota de Prensa

CERVO FESTEXARÁ  O DÍA DA MULLER TRABALLADORA CUN HOMENAXE ÁS BISAVOAS DO CONCELLO

Cervo, 27 de febreiro de 2010.- A concellería da Muller e Asuntos Sociais de Cervo está a preparar a celebración do Día Internacional da Muller Traballadora cunha iniciativa novidosa: unha homenaxe a tódalas bisavoas do termo municipal.

Segundo indicou a concelleira da Muller, Pilar Armada, a iniciativa xurdiu como mostra de recoñecemento ao traballo de tódalas mulleres traballadoras do municipio “e que mellor forma de personificar esa homenaxe que facéndolla a esas mulleres que levan toda a vida traballando polas súas familias” indicou.

Por iso, a concelleira cervense invita a todas as bisavoas do concello a apuntarse nas oficinas da Casa da Cultura de San Ciprián, “para que deste xeito poidamos saber cantas hai e que todas podan recibir un pequeno agasallo na gala de do Día Internacional da Muller Traballadora que celebraremos no auditorio municipal o vindeiro domingo, día 7” indicou. Neste senso adiantou que, no caso de existir algunha bisavoa que non poida acudir ao Auditorio por motivos de saúde, desprazaranse ata o seu domicilio “para facerlle entrega persoalmente do seu agasallo” dixo Armada.

Gala

Esta homenaxe terá lugar no transcurso da gala conmemorativa do Día Internacional da Muller Traballadora que terá lugar o domingo, 7 de marzo, no auditorio municipal da Casa da Cultura a partires das seis da tarde.

A gala consistirá nunha exhibición de Tai-Chi a cargo das amas de Casa da asociación “Alborada”. A actuación, a Coral Polifónica Terra Mar de San Ciprián ofrecerá unha escolma do seu repertorio e a gala rematará coa posta en escena da obra “Quintana de vivos, angurias dos orfos” a cargo do grupo de teatro “O Bordelo” de Cervo.

Os actos -organizados polo Concello de Cervo coa colaboración da Asociación de Amas de Casa “Alborada”, a asociación ”Terra Mar” e o grupo de teatro “O Bordelo”- están abertos a todo o público.

Exit mobile version