CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ven de firmar hoxe o convenio entre o Concello de Concello de Cervo e Gas Galicia que posibilitará a chegada do gas cidade a distintos puntos do termo municipal.
O convenio consiste no arrendamento por parte do Concello a Gas Galicia (empresa concesionaria do subministro e da rede de distribución deste combustible no termo municipal) dunha finca de propiedade municipal de 3.724 metros cadrados situada no polígono de Cuíña para a construción dunha planta satélite provisional de recepción, almacenamento e gasificación de gas natural licuado. A duración do arrendamento será de cinco anos prorrogables ata un máximo de dez por períodos anuais e por cada uno deles o Concello percibirá 10.800 euros máis IVA.
Segundo indicou Villares, a firma deste convenio é “un paso máis” dos dados polo Goberno local para traer o gas a Cervo como alternativa a outras enerxías. A este respecto indicou que as previsións dos responsables da distribución do gas é que sexan a vila de San Ciprián e o polígono de Cuiña as primeiras zonas que dispoñan de rede de abastecemento, “para ir ampliándoa paulatinamente polo resto de núcleos de poboación do termo municipal” asegurou o alcalde.
O rexedor cervense ve importante por en marcha esta planta no concello neste momento de crise económica. “Penso que este novo servizo de gas poderá ofertar a enerxía necesaria a veciños, empresas e sectores estratéxicos do noso concello a uns custes rendibles” indicou. Así mesmo lembrou que o Concello leva tendo en conta a proximidade da posta en marcha deste servizo dende hai meses mediante a instalación das canalizacións deste servizo nas reformas das rúas que se teñen levado a cabo no último ano. “Deste xeito pretendemos non ter que volver a abrir as rúas ao tempo que axilizamos a posta en marcha do servizo” dixo.