Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo, Alcoa e Augas de Galicia asinaron a acta de expropiación que garante o abastecemento de auga a Cervo e Burela

CERVO .- Representantes do organismo Augas de Galicia, de Alcoa e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, firmaron a última hora da mañá de hoxe a acta complementaria de expropiación dunha finca de titularidade da multinacional do aluminio para levar adiante os traballos de construción da rede de canalizacións que comunicará mediante un sistema de bombeo os depósitos da Senra (que abastecerán de auga aos municipios de Cervo e Burela) co embalse de Río Cobo.

Este actuación forma parte dos traballos da futura rede de abastecemento de auga dos concellos de Cervo e Burela que está a executar Augas de Galicia e ten por obxecto garantir o subministro a todo o termo municipal en casos de emerxencia por problemas de seca.

Segundo indicou o rexedor, o trámite burocrático de hoxe é “un paso máis” cara á materialización do obxectivo do Goberno local “de proporcionar uns servizos básicos e de calidade a tódalas vivendas e recunchos do noso termo municipal” dixo o alcalde.

Prioridades

Villares lembrou que a prioridade do Goberno local respecto das obras do abastecemento dos concellos de Cervo e Burela foi en todo momento que as zonas do rural non se viran discriminadas respecto dos grandes núcleos de poboación.

A este respecto recordou que un dos logros acadado no seu momento polo Concello de Cervo foi que ditas obras comezaran pola construción da estación de tratamento de augas potables (ETAP) de Rúa “o que permitirá que se dea prioridade ao abastecemento de núcleos como Rúa e San Román; os cales, se están a ver afectados por estas obras e deste xeito serán tamén os primeiros en beneficiarse da nova rede de subministro como é lóxico, pois tamén son onde se están a facer a maior parte das obras” indicou.

O alcalde lembrou tamén que estas reclamacións, xunto con outros detalles técnicos desta obra que afecta aos municipios de Cervo e Burela, foron explicados e consensuados ao longo dos últimos anos en distintas xuntanzas con veciños das áreas afectadas, “e polo tanto, non responden a un capricho particular do Goberno municipal, senón á necesidade de priorizar o interese dos veciños de Cervo por enriba de calquera outra cousa”.

Prescíndese do bombeo

Alfonso Villares recalcou que a obra de conexión entre os depósitos da Senra e Río Cobo só entraría en funcionamento en casos “moi puntuais” que esixan aportar auga de Río Cobo á rede de abastecemento de Cervo e Burela e recordou que a futura rede terá coma vantaxe para Cervo a eliminación dos dous puntos de bombeo que actualmente existen no termo municipal. “Cando esta nova rede de auga entre en funcionamento todos os veciños do noso concello recibirán a auga por gravidade, co conseguinte aforro económico que isto supón. Poderemos, pois, prescindir dos actuais bombeos do río Rato e do río Cobo, e só se utilizaría o bombeo entre o río Cobo e a Senra en casos de extrema urxencia e necesidade” asegurou.

Exit mobile version