BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, lamenta o naufraxio que sofría esta tarde a 20 millas da costa burelesa un arrastreiro de Ribeira e agarda no porto a chegada dos tripulantes, que podería producirse a partires das sete.
Segundo as primeiras declaracións realizadas polo rexedor “trátase dun arrastreiro de Ribeira que faenaba xunto a outra embarcación daquela zona na que incluso había traballando membros da mesma familia. Foi este barco o que deu o aviso do naufraxio… ao parecer volcou ou se afondiu lateralmente a unhas 20 millas da costa da Burela ainda que non sabemos exactamente qué foi o que pasou”.
Alfredo Llano sinalou que “no arrastreiro que sofriu este naufraxio ían 8 tripulantes, dos que dous están a ser tratados de hipotermia no Hospital da Costa en Burela, e segundo as informacións que puiden recabar non teñen duda. E o resto están vindo noutro barco cara Burela, pensamos que sobre as sete da tarde chegarán aquí. Veñen seis tripulantes entre os que hai un falecido, xa digo, segundo os datos que estamos a manexar aquí”.
O Concello de Burela pon a disposición dos mariñeiros e das súas familias toda a axuda que poidan necesitar neste momento que fixo revivir na mente de todos o naufraxio do Siempre Casina ocorrido a unhas 20 millas da costa de Ribadeo o 24 de febreiro de 2005.