Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela adquire un camión dotado cunha plataforma aérea telescópica

BURELA (FNC) .- O Concello adquire un camión dotado cunha plataforma aérea telescópica. Será para a Delegación de Obras e Servizos, aínda que tamén poderá ser empregado en circunstancias especiais por Protección Civil.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que “o Concello acaba de adquirir un camión cunha plataforma aérea telescópica que ten un izado de 15 metros. Vaise destinar a Obras e Servizos, en concreto ao departamento de electricidade porque cada vez que había que repoñer unha farola, facer arranxos ou substitucións deste material o Concello tiña que recorrer ao aluguer dun camión. Deste xeito suporalle un aforro económico importante ás arcas municipais e ademais servirá para prestar outros servizos en Protección Civil, dadas as características da plataforma podería aplicarse para o rescate de persoas ou en caso de incendios, por exemplo”.

Llano engadiu que “se trata dun camión da marca Ford, ten unha pluma para dúas persoas… ten unhas moi boas características técnicas e pasará a formar parte do parque automobilístico do Concello e agardamos poder prestar un bó servizo con el. Está valorado en 46.500 euros e foi mercado polo sistema leasing para ir pagando pouco a pouco sen necesidade de facer grandes investimentos. Vai ser un gran reforzo para a Delegación de Obras e Servizos”.

Exit mobile version