Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela achega aos colexios unha campaña de recollida selectiva de lixo

BURELA (FNC) .- O Concello leva aos centros de educación primaria a campaña de recollida selectiva que deu comezo nos supermercados durante o Nadal. O alcalde, Alfredo Llano, e a concelleira de Medio Ambiente, Lucía Bouza visitaron esta mañá os colexios.

A edil socialista contou que “o alcalde e máis eu estivemos nos colexios de primaria do concello para continuar coa campaña de recollida selectiva que iniciamos no pasado Nadal. Estivemos a repartir as bolsas que adquirimos desde o Concello para separar correctamente os residuos e nos dous colexios os profesores traballarán cos nenos en cada aula axudándolles a separar o lixo de xeito correcto”. Bouza anunciou que “continuaremos tamén a campaña de educación secundaria máis adiante e agardamos que teña tan boa acollida como tivo no Nadal. Desde logo que os colexios sempre son moi receptivos a este tipo de campañas, eles mesmos estaban a piques de iniciar pola súa conta algo semellante e recibiron con moi boa acollida a participación do Concello, por eso tamén lles estamos moi agradecidos, ademais os nenos e as nenas de Burela son moi receptivos para recibir esta educación medio ambiental”.

Haití

A tamén concelleira de Educación agradeceu “a todos aqueles que se implicaron no festival que se celebrou o pasado sábado en Burela para recadar fondos para Haití. Primeiro quero agradecer a todas as agrupacións que decidiron participar nesta cita: Ledicia, Dambara, Batuko Tabanka, a Burela Blues Banda, a Banda e a Coral de Burela. Tamén quero destacar que foi unha ocasión única xa que nunca en Burela puidéramos asistir a un concerto no que participaran todas as agrupacións musicais do concello xuntas nun mesmo festival. Foi unha ocasión especial que tivemos para velos”. Lucía Bouza tamén agradeceu a asistencia do público que “se achegou para colaborar con esta causa. Os fondos que se recadaron foron 1.160 euros, é unha cantidade bastante humilde posto que a entrada tamén tiña un prezo simbólico, pero entre todos os que vaiamos aportando estas cantidades poderemos axudar a este pobo que tanto está a sufrir neste momento”.

Exit mobile version