Site icon Crónica3.com A Mariña

As promesas sen contido son unha constante no PP local, asegura o BNG de Xove

Nota de prensa

O Bloque pídelle “seriedade” ao PP

Marco López, responsábel local do BNG de Xove, lembrou onte que as promesas sen contido son unha constante no PP local, ao contrario da postura coherente en todo momento do BNG xovense que di sempre o mesmo “goberne quen goberne” en Santiago, Madrid ou Bruxelas; poñendo sempre por diante o interese xeral antes que o partidario.

O nacionalista pediulle “seriedade” ao PP xovense e “respecto” polo traballo do BNG, e lembroulles que “eles gobernan en minoría hoxe grazas a nós”. Marco López quixo recordar que, hai tres anos, os concelleiros do PP e mais os seus familiares máis achegados dábanlles palmas nas costas e dicíanlles cousas como “xa vos compensaremos”, na liña habitual do PP, coa única comenencia de que Xesús López (o anterior mandatario) non volvera acceder á alcaldía á que os votos dos populares o uparan en anteriores convocatorias electorais.

Cabería rescatar do esquecemento, neste punto, que o actual rexedor de Xove, Demetrio Salgueiro, concurriu nas listas electorais a carón de Xesús López González nas eleccións do ano 2003, antes de “traizoalo” no 2007.

Por todo isto, Marco López asegurou que chegou a hora de compensar o BNG de Xove, tal e como prometeran os novos populares: “simplemente que respecten o noso traballo”, afirmou con afouteza, e de seguido confirmou que con iso terían máis que suficiente.

O responsábel local do BNG declarou que, despois do anuncio do cinto industrial de Alcoa, “xa temos para facer un álbum de boas intencións, pero feitos, ningún”; e porfiou en que desde o BNG defenderán sempre as boas maneiras á hora de dirixirse aos adversarios políticos.

Marco López quixo finalizar manifestando que, cando a sociedade pide explicacións aos xestores dos bens públicos, hai que dalas e non fuxir cara adiante insultando a intelixencia do pobo.

Exit mobile version