Site icon Crónica3.com A Mariña

As actividades culturais de Barreiros no mes de febreiro xiran en torno ao Antroido

BARREIROS (FNC) .- Axenda repleta de actividades en Barreiros durante o mes de febreiro. Unha exposición fotográfica, un concurso de cartas de amor e o antroido son as propostas para as vindeiras semanas.

A concelleira de Cultura suliña que “temos un mes completo de actividades e actuacións”. O vindeiro sábado, día 6, terá lugar a inauguración da exposición fotográfica Olladas de muller, visión desde A Mariña. Segundo Adela Rodríguez “trátase dunha selección dos mellores traballos das participantes no curso de fotografía dixital organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade”. A inauguración terá lugar ás 18:30 horas no centro social Manuel Díaz Sampedro. A exposición estará aberta ata o 20 de febreiro de luns a venres de 16 a 19 horas. A edil de Cultura invita “a todos a que vaian disfrutar destas fotografías porque van sair encantados dos traballos que poderán ver”.

Bailes para nenos, xóvenes e adultos

As celebracións do antroido darán comenzo en Barreiros o 14 de febreiro. “Para as seis da tarde está prevista a actuación dos cabezudos seguidos do desfile de disfraces infantil e xuvenil, con premios para os gañadores e tamén haberá agasallos para todos os participantes. Despois terá lugar o baile xuvenil e infantil co grupo musical Lecer. Neste baile do pano e do tulipán tamén teremos premios e contaremos cun xurado especial para presidir estes concursos”, segue a relatar Adela Rodríguez. A concelleira popular explica que “ás 22:30 horas será o baile de disfraces para os adultos coa actuación de novo de Lecer”.

O luns 15 de febreiro haberá de novo baile a partires das 22:30 horas con Lecer e concurso de baile do farolillo e da escoba. Adela Rodríguez agarda “contar con moita afluencia de xente e que veñan a pasalo moi ben”. Todas as actividades do antroido terán lugar no teleclub.

San Valentín

Por outra banda, no taller de memoria que se ven celebrando desde hai varias semanas en Barreiros veñen de organizar un concurso de cartas de amor. A concelleira de Cultura asegura que “esta novidosa proposta tivo unha grande acollida entre todos os participantes no taller. Esas cartas teñen que entregarse a vindeira semana, os días 8 e 9 de febreiro, e tamén contaremos cun xurado para seleccionar as mellores e as tres primeiras levarán premio. Todas o merecerían, pero temos que elexir as máis destacadas”.

Exit mobile version