Site icon Crónica3.com A Mariña

Angeles Garrido expón en Mondoñedo a súa pintura “A Beira Do Ulla”

MONDOÑEDO .- O Centro Comarcal de A Mariña Central (Mondoñedo) acolle durante o mes de febreiro a obra pictórica da artista de Valga Angeles Garrido.

Nos traballos pictóricos de Angeles Garrido atopámonos por unha banda coa necesidade de plasmar o arraigo que ten ó seu entorno físico e tamén emocional; paisaxes das súas queridas brañas, un vello xerro cun ramo de sinxelos toxos amarelos ou o rostro dun home de marcadas faccións, que suxiren unha vida de traballo físico na terra ou no mar.

Así mesmo, noutros cadros temos a posibilidade de penetrar no espazo das súas lembranzas infantís, con escenas vívidas ou ensoñadas coma as noitiñas de rosario ao carón das candeas ou nunha casa escaecida na que a ausencia ten apariencia de muller.

Todos os seus traballos teñen en común que no seu proceso puramente técnico emprega as cores non cos pinceis que suavizarían e matizarían as formas, senón coas espátulas que acentúan as texturas e as densidades que ela precisa ata conquerir aquilo cara onde o seu ánimo e aprendizaxe contido a van levando, sendo esta experimentación a través de cada obra a que dará, sen dúbida, novos froitos en futuros traballos.

Esta exposición poderá visitarse no Centro Comarcal da Mariña Central do 1 ó 27 de febreiro en horario de 10:00 a 14:30 e de 15:00 a 18:00, de luns a venres , e os sábados de 10:00 a 14:00.

Para acadar máis información poden poñerse en contacto co persoal do Centro no 982 889 301 ou a través do correo electrónico; ccmarinacentral@comarcasdegalicia.com

Exit mobile version