Site icon Crónica3.com A Mariña

Afirma o BNG que o Plan do Litoral hipoteca Cangas de Foz para o desenvolvemento futuro

NOTA DE PRENSA:
O PLAN DO LITORAL HIPOTECA CANGAS CARA O SEU DESENVOLVEMENTO FUTURO

Quedan fóra de ordenación núcleos tradicionais como Palmiz, en Forxán.

Despreza todo o planeamento municipal ao respecto, afectándolle a practicamente a todo o solo urbano e de núcleo rural

Foz, 21 de febreiro de 2010.- O actual Plan de Ordenación do Litoral, como xa ten denunciado o BNG, hipoteca o desenvolvemento urbanístico do Concello de Foz e entra en clara contradicción co planeamento municipal, tanto no que respecta ás Normas Subsidarias como ao Plan de Ordenación aprobado inicialmente. Na charla onte en Cangas e Forxán, os concelleiros nacionalistas informaron sobre o documento de referencia que está publicado e expuxeron as consecuencias que, desde o seu punto de vista, terá para estas parroquias. Ás charlas asistiron numerosas persoas que agradeceron a disposición e a iniciativa do BNG en trasladar aos veciños/as as claves para entender o plan da Xunta.

No caso de Cangas esta hipoteca é particularmente grave pois é un territorio que nos últimos anos experimentou un gran desenvolvemento urbanístico pola proximidade á vila de Burela. De aí, que tanto nas Normas como no PXOM se reservase para solo urbano gran parte da súa extensión, tanto pola estrada de Ferreira como cara a Foz, mantendo ao mesmo tempo os núcleos tradicionais como residenciais. Agora, con este Plan do Litoral, todo o solo urbano está afectado polo área de mellora ambiental que ten unha clara intención de prohibir os usos residenciais. Ao mesmo tempo non recoñece os núcleos residenciais tradicionais como Vilachá, O Carballal, Alemparte ou A Gralleira. Algúns destes núcleos están a máis de 600 metros de costa pero aínda así están baixo protección.

No caso de Forxán, todo o seu solo está dentro da área de mellora ambiental chegando os seus límites a máis de 1.100 metros da costa. É preocupante que a ambos lados da estrada da costa todas as vivendas quedan fóra de ordenación sen ningunha posibilidade de desenvolvemento nin de ampliación cando no PXOM estaba como solo urbano. Tamén quedan fóra de ordenación núcleos tradicionais como Palmiz e parte da estrada que sube ao Bispo Santo.

Respecto das críticas feitas tanto polo PP como polo PSOE sobre as charlas, o BNG só ten que reiterarlles que “a comisión que se creou para tratar este asunto non prohibe nin limita que os partidos políticos informen aos veciños e os escoiten para ter máis elementos de xuízo”. Ademais, “facendo estas charlas o BNG mantén a súa lealdade aos veciños, que son para os que traballamos, polo menos na nosa formación política. Xa o fixemos con outros documentos fundamentais como o PXOM ou a Autovía mentres o goberno municipal trataba de ocultar ditos documentos”. Para o BNG estas acusacións teñen só dúas posibles xustificacións: ou ben o PP e o PSOE non fixeron os deberes e non teñen unha opinión formada sobre o POL (pois aínda falta a primeira manifestación) ou ben teñen o documento xa pactado e están esperando a que pase o tempo sen pena nin gloria para aprobalo conxuntamente. Está claro, pois, que a comisión sobre o POL creada a petición do BNG non pode servir para que os veciños non se enteiren; é máis, os veciños deben ter a mesma información e ao mesmo tempo que os partidos e poder participar.

Exit mobile version