Site icon Crónica3.com A Mariña

A emenda do PSOE ao cinto industrial no contorno de Alcoa pretendía actuacións imposibles, afirma o PP

NOTA DE PRENSA

O deputado socialista intenta xustificar a súa mala conciencia ao desbotar unha iniciativa que redundará en beneficio da Mariña

BALSEIRO PÍDELLE A REGO QUE NON SE ESCUDE NA FALTA DE TALANTE E RECOÑEZA O ERRO COMETIDO POLO PSOE AO NON APOIAR A RECUPERACIÓN DO PROXECTO DE CREACIÓN DO CINTO INDUSTRIAL DE ALCOA

* A emenda socialista pretendía dúas actuacións “imposibles”:

1. Consignar fondos para un proxecto que non existe, tras ser anulado polo Executivo autonómico bipartito

2. Que o cinto industrial de Alcoa o levara adiante a empresa pública Xestur, cando se trata dun proxecto que desenvolver outra distinta: Solo Empresarial do Atlántico participada polo Goberno  central (85%) e pola Xunta (15%)

A Mariña lucense, 12 de febreiro de 2010.- Despois de insistir na importancia e no avance que representa o acordo parlamentario polo que a Cámara galega insta á Xunta de Galicia á retomar o proxecto de creación do cinto industrial no contorno de Alcoa, que o bipartito deixou sen efecto na pasada lexislatura, o deputado popular Jose Manuel Balseiro nega que a imposibilidade  de chegar a un acordo con PSOE e BNG ao respecto desta petición se deba a unha cuestión de “falta de talante” como pretendeu facer ver o deputado socialista Ismael Rego no día de onte

O parlamentario mariñán do Partido Popular amosa a súa sorpresa pola interpretación feita polo socialista Rego, “sobre todo tendo en conta que un deputado veterano como é el debera saber que non é legalmente procedente, apoiar unha emenda nos termos nos que se establecía a proposta socialista”. O PSOE pretendía non só que a Xunta actual destinase consignación orzamentaria para a creación do cinto industrial senón tamén que esta formara parte das previsións da empresa pública autonómica Xestur, encargada da promoción dos parques industriais.

Ambas son peticións “inasumibles e imposibles” xa que Ismael Rego debera saber que non é posible consignar orzamento algún para un proxecto que non existe a día de hoxe, xa que o bipartito anulou e deixou sen efecto a creación do cinto industrial de Alcoa, por acordo do Consello da Xunta en xullo de 2008

Pero o que é aínda máis absurdo, o PSOE non pode pretender de ningún xeito que esta actuación a leve adiante Xestur, cando se trata dun proxecto que impulsou  ata a súa anulación outra sociedade distinta, Solo Empresarial do Atlántico (SEA) que ten un carácter mixto ao estar participada nun 85% pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) e nun 15%  pola propia Xunta de Galicia.

En resume, o deputado popular agocha baixo unha pretendida escusa de “falta de talante para chegar ao consenso” o que en realidade é unha equivocación de dimensións importantes dos socialistas á hora de elaborar a súa emenda, mostra do descoñecemento que no PSOE teñen sobre este proxecto –a creación do cinto industria- e da falta de interese do Ismael Rego polas iniciativas que poden redundar en beneficio da Mariña. En opinión de Balseiro o deputado socialista intenta xustificar, coas súas escusas, a súa mala conciencia ao desbotar unha iniciativa que redundará en beneficio da Mariña e que saíu adiante cos únicos votos a favor do Partido Popular.

Balseiro finalmente subliña que, “se tan interesante ve o proxecto de creación deste cinto industrial non se explica como é posible que, cando o Goberno bipartito o deixou sen efecto, o socialista Rego non dixera nada, nin establecera as iniciativas necesarias para corrixir esta nefasta decisión da anterior Xunta que agora se pretende mudar”

Exit mobile version