Site icon Crónica3.com A Mariña

A dirección xeral de Comercio ofrece aos profesionais cursos gratuítos de inglés e francés en Ribadeo e Viveiro

LUGO .- A Dirección Xeral de Comercio ofrece aos traballadores do sector a posibilidade de realizar cursos de idiomas de nivel básico de xeito gratuíto nas escolas de idiomas de Lugo, Ribadeo e Viveiro.

Trátase dunha oportunidade para adquirir unha base que servirá aos comerciantes para prestar unha mellor atención aos turistas estranxeiros que visiten a provincia, dende a previsión de que este ano Xacobeo se incremente o número de visitantes procedentes doutros países, sobre todo no verán.

A Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Economía e Industria, estima que estes cursos serán especialmente útiles dado que permiten adaptar o programa formativo para o colectivo específico ao que vai dirixido, facendo fincapé no vocabulario e nas fórmulas de expresión que son máis habituais no sector do comercio.

Na provincia de Lugo impartiranse dous cursos de inglés e un de francés. A Escola Oficial de Idiomas de Lugo acollerá un curso de inglés de nivel básico de 40 horas, os martes e mércores de seis a oito da tarde, e na Escola Oficial de Idiomas de Ribadeo ofrecerase outro curso de inglés, de 30 horas de duración, os martes de cinco a sete. Por último, a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro oferta un curso de francés de 40 horas, en horario e días aínda por determinar.

Para a celebración dos cursos é obrigatorio contar cun mínimo de 10 alumnos matriculados. As matrículas poden realizarse mediante fax ou internet, a través da páxina da Xunta de Galicia, onde as persoas interesadas atoparán tamén un modelo normalizado de solicitude para facilitarlles o labor.

Os traballadores do sector que queiran acceder aos cursos poden enviar as inscricións ao enderezo de correo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es, ou ben ao número de fax 981.545.541, ata as 12 da noite do vindeiro mércores, día 3 de febreiro.

Os cursos darán comezo este mesmo mes de febreiro. O tope máximo de participantes en cada un deles será de 20, e serán admitidos por rigoroso orde de matriculación.

Exit mobile version