LUGO .- O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, xunto ao delegado de Deportes da Deputación, Antonio Veiga recibiron no pazo de San Marcos aos seis xogadores lucenses que se proclamaron o pasado 14 de febreiro campións de España de Fútbol Sala coa selección sub 20 de Galiza. Os xogadores homenaxeados esta mañá, que fixeron parte no combinado nacional galego sub 20 foron: por parte do Azkar Lugo, Iago Míguez, Alejandro Míguez “Jandri” e Antonio Diz; e por parte do Burela FS, Brais García, Rubén García “Turero” e Manuel Jiménez Fraga “Manu”. Como recordo da súa homenaxe e a recepción no Pazo de San Marcos, os seis futbolistas lucenses recibiron de mans do vicepresidente e o do delegado de Deportes da Deputación un pequeno agasallo.
Antón Bao expresou no nome da Deputación de Lugo “a satisfacción que produce comprobar como as canteiras de ambos os dous clubs están a dar xogadores que poden participar na nosa selección nacional e ao mesmo tempo chegar a altas cotas no fútbol sala”. Así mesmo Bao destacou que “é este o traballo que debemos agradecer e o que debemos potenciar nos clubs deportivos da provincia de Lugo”, e continuou “un traballo de base que dea lugar a que xogadores lucenses estean disputando as máis altas competicións en calquera disciplina deportiva, neste caso no fútbol sala”.
Pola súa banda, o delegado da Área de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, non nome da Deputación felicitou “a estes rapaces do Azkar Lugo e do Burela Fútbol Sala que formaron parte da selección galega sub 20 (e coa que acadaron o campionato de España hai unha semana) e tamén aos seus clubs e todos aqueles clubs que traballan no deporte base en xeral”. Antonio Veiga destacou que “é un orgullo para a Área de Deportes da Deputación que estes rapaces nos representen e que sexa a través da selección galega” e animounos a seguir traballando e progresando no deporte para que no día de mañá xoguen na selección galega absoluta de fútbol sala.
Estes seis xogadores lucenses foron parte dos artífices que lograron que a selección de Galiza volvese acadar o título de Campioa de España de Fútbol Sala na categoría Sub-20. Este foi un título que a selección galega acadou na casa, no Pavillón Multiusos Fontes do Sar de Compostela, tras gañarlle nunha gran final (4-3) a un equipo que sorprendeu pola súa calidade e entrega como foi o combinado da Cidade Autónoma de Melilla.