Neste senso, Méndez destacou o compromiso que ten a institución provincial co medio ambiente. “Na Deputación cremos no medio ambiente, pero cremos con maiúsculas, entendéndoo como unha oportunidade económica para Lugo.” A este repecto, aproveitando que a actividade formativa se desenvolveu nun dos Concellos que se van beneficiar da certificación medioambiental das praias, destacou que “estamos inmersos neste proceso co obxectivo de que antes do verán 21 dos nosos areais conten con esta distinción. Deste xeito, garantimos que a nosa Costa sexa de auténtica calidade medioambiental, convertendo á Mariña no referente do turismo no noroeste de España, competindo co Mediterráneo, a área que concentra maior número de praias cunha certificación tan rigorosa coma esta”.
Asimesmo, subliñou outros proxectos cos que o organismo provincial pon en valor o enorme potencial da provincia en materia medioambiental: o programa Lug02, dotado con 5 millóns de euros e cofinanciado nun 70% pola Unión Europea, o programa de visitas institucionais á provincia Km0 e a Axencia Provincial da Enerxía, que abrirá este ano as súas portas no INLUDES.
Programa do curso
O curso desenvolveuse dende o 8 ó 12 de febreiro no Centro de Interpretación da Mariña Lucense, situado no municipio de Foz. Durante os 5 días especialistas e representantes de distintas administracións abordaron o medio ambiente dende distintas ópticas. Precisamente, no día de hoxe o responsable de proxectos europeos da Deputación, José Rodríguez Coello, explicou o compromiso do organismo provincial co desenvolvemento sostible.
Algúns dos aspectos que se abordaron durante a actividade formativa foron 😮 camiño cara un medio ambiente saudable e sostible; a protección e conservación dos espazos naturais protexidos en Galicia, con especial referencia á Mariña; as medidas legais existentes de protección ambiental na Unión Europea; o plan de xestión de calidade medioambiental do Hospital da Costa; os plans de actuacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e de Augas de Galicia; os códigos de boas prácticas agrarias; ou a contribución da iniciativa empresarial ó desenvolvemento sostible.