Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste máis de 20 millóns de euros en acondicionar estradas provinciais

LUGO .- O Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, anunciou que a Deputación está a investir máis de 20 millóns de euros no acondicionamento e mellora da rede viaria provincial. Nestes momentos, o organismo provincial está arranxando 31 estradas provinciais, pertencentes a 30 Concellos. Manuel Martínez subliñou que “todas as estradas son viais que estaban en moi malas condicións e que se están a facer con aglomerado en quente, ademais de sinalización vertical e horizontal, o que conleva un grande esforzo e que non se poidan mellorar os 4.200 quilómetros que temos, pero os que estamos a facer sí van a quedar en perfectas condicións, de xeito que quedarán aparcadas entre dez e quince anos. Isto foi o que prometemos e isto foi o que estamos a cumprir”.

Desta cantidade, 13.674.504 euros son fondos propios, e destínanse a mellorar e acondicionar 23 viais de 25 municipios: C.P 4803 ó seu paso pola Pontenova e Riotorto, CP 2002, no Concello de Foz; CPs 5706 e 5707, en Sarria; CPs 2604 e 6607, nos Concellos de Viveiro e Xove; CP 3208 en Monforte, CPs 6201 e 706, que comunica os Concellos de Triacastela e Becerreá; CP 4504 que enlaza Pedrafita do Cebreiro con Cervantes; CPs 0701 e 0501 ó seu paso por Becerreá e Baralla; CP 3101 que comunica os municipios de Mondoñedo, Alfoz e Foz; CP 0708 nos Concellos de Becerreá, Baralla, Navia, Baleira e Fonsagrada; CP 2906 en Lugo; CP 061, que enlaza Barreiros con Ribadeo; CP 0702 que comunica os Concellos de Becerreá e Cervantes; en Cervantes tamén se mellorará a CP 1401; as CPs 2206 e 6509 que pasan por Vilalba e Xermade; CP 1502 en Cervo; CP 1611 en Begonte; e CP 5303 en Ribas do Sil.

O responsable de Vías e Obras sinalou que “a arte está no ollo de quen o mira e aquí parece que nin hai arte nin vista. O Partido Popular non sabe nin sumar e fai afirmacións que non son acertadas. Isto son realidades, son obras do ano 2009, polo que por parte desta Deputación estase a facer un esforzo que non ten comparación co feito anteriormente. Cando tomamos posesión dixemos que se ían acabar os quilómetros arranxados con grava solta cada ano. É dicir, unha estrada que tiña 20 quilómetros, levaba 20 anos”.

Neste senso, Martínez apuntou que as vías mellóranse seguindo os seguintes criterios: en 2007 os traballadores deste departamento fixeron unha informe das estradas que se deberían de mellorar, e son as que se lle están dando prioridade. O segundo criterio que se segue é priorizar aquelas que unen Concellos e que teñen un tráfico importante. Neste caso lembrou que a Deputación non dispón aínda de moitos terreos pola xestión do goberno anterior, xa que “había máis de 10 millóns de euros a maiores, é dicir, uns 60 millóns en expropiacións”. Así mesmo, apuntou que tamén se depende do presuposto de Vías e Obras.

Con todo, duplicouse o investimento na Conservación pasando de 5,5 ós 12 millóns de euros, e “se botamos conta do que investía o PP na rede viaria provincial eran 2 millóns de euros, mentres que nós fixemos este investimento en dous anos e medio e o 50% en 2009”. Así mesmo, Martínez indicou que “o PP en 2007 pedía 15 millóns á Xunta para viais na Montaña, non sei como agora recriminan que investimos nesta zona da provincia, que é unha das máis castigadas polos temporais e que estivo esquecida e relegada durante os 20 últimos anos. Non o digo eu, díxoo o señor Feijóo nunha visita que veu á Montaña en campaña electoral”.

POS e sinalización das vías

Asimesmo, 2.768.324 euros son para obras don Plans de Obras e Servizos de 2007 e 2009. Neste caso, inclúense 8, 4 do ano 2009 (CP 1611 en Begonte; CP 1101 en Castro de Rei; e CP 4606 que comunica os Concellos de Pol, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada) e as outras 4 restantes ó de 2007 (CP 1201 en Castroverde; CP 2001 en Foz; CP 2910 en Lugo; e CP 4606 en Vilalba).

A mellora da sinalización vertical e horizontal das vías provinciais é outro tema que ten ocupado este ano ó departamento de Vías e Obras da Deputación. Por primeira vez na historia desta institución se acomete esta actuación de xeito integral. É dicir, todas as vías provinciais van estar perfectamente sinalizadas en 2010. Nesta actuación estanse investindo 2.236.248 euros.

A maiores do importantísimo labor que está a facer depende a Área de Infraestrutras por mellorar a rede viaria, Martínez lembrou o servizo que prestan as máquinas do Parque Móbil da Deputación ós Concellos da provincia no arranxo e limpeza de vías municipiais.

Exit mobile version