Os traballos están dirixidos polos técnicos de SUPLUSA e estanse a executar co persoal propio da Sociedade, a menos que a dificultade dos mesmos obrigue a contratar unha empresa externa.
Os últimos temporais de choiva e vento provocaron importantes danos en practicamente todas as zonas, e están valorados nuns 250.000 euros. Neste senso, a Vicepresidenta Segunda explicou que o vento derribou numerosas árbores, carteis de sinalización e elementos de iluminación; as choivas torrenciais provocaron socavóns e arrastres con destrución de zonas verdes e sendeiros causados polos asolagamentos, provocando o rebosamento de colectores; e o desbordamento dos ríos, que alcanzaron niveis extraordinarios con caudais e velocidade superiores ós 5 metros por segundo, provocaron desperfectos nas ribeiras, derrubamento dos muros de encauzamento en distintos lugares, arrastre de pontes peonís e erosión de taúdes.
Zonas máis afectadas
Polo que respecta ás zonas da capital, as máis afectadas foron as do parque de Paradai; parque do Rato, no treito que vai da estrada de Fonsagrada ó Parque do Sagrado Corazón; río Chanca; río Fervedoira, nas inmediacións do Centro de Cestaría da Deputación, o parque infantil e o muíño; e no río Miño, na zona da fábrica da luz.
No caso das áreas da provincia, os desperfectos producíronse no parque Profesor Río Barxa, en Meira; no río Narla, en Friol; na área de Quiroga, no parque de Vilasouto, no Concello do Incio, no contorno do río de Navia de Suarna; e nas fontes do Miño, en Pastoriza.
Deste xeito, Méndez sinalou que “nestes momentos, as brigadas de SUPLUSA xa están a traballar nas zonas dos ríos Rato e Fervedoira, así como na zona da Chanca. Unha vez rematados estes traballos, atenderanse os danos das áreas afectadas no resto da provincia”.
A Sociedade Urbanística Provincial é a encargada, mediante encomenda de xestión, de levar a cabo os traballos de coidado e mantemento das áreas verdes xestionadas pola Deputación ó longo de toda a provincia, que en total suman unha superficie de 1.200.000 metros cadrados. Na capital sitúanse 7 destas áreas que están repartidas ó redor de toda a cidade. Só neste Concello a superficie da que se encarga a Sociedade é de preto de 850.000 metros cadrados. Asimesmo, na provincia, as restantes zonas ocupan unha extensión de 350.000 metros cadrados, e atópanse nos concellos de Friol, Quiroga, A Pastoriza, Meira, Navia de Suarna e O Incio.
Reunión Consorcio Bombeiros
Na rolda posterior á Xunta de Goberno, a Vicepresidenta Segunda tamén anunciou que o día 12 de febreiro, ás 10:00 horas, terá lugar na Deputación a reunión do Consorcio Provincial de Bombeiros. Lara Méndez adiantou que entre os puntos da orde do día, trataranse os investimentos a realizar para a adquisición de material para os parques, así como as posta en funcionamento dos mesmos.