Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aprobou as bases do plan de Comunidades Veciñais con 2,3 millóns de euros

LUGO .- O pleno da Deputación aprobou as bases do plan de Comunidades Veciñais de 2010, dotado con 2,3 millóns de euros, tamén acordou solicitar á administración autonómica máis colaboración institucional cos municipios polos que pasa o Camiño, así como unha programación definida nos Concellos da provincia

A Deputación aproba por unanimidade o expedente para iniciar a extinción da Fundación TOR

– O equipo de goberno instá á Xunta de Galicia a cumprir as bases do acordo asinado co Ministerio de Industria para facilitarlles ós Concellos a transición á TDT

– O organismo provincial solicita á administración autonómica máis colaboración institucional cos municipios polos que pasa o Camiño, así como unha programación definida nos Concellos da provincia

– Aprobadas as bases do Plan de Comunidades Veciñais de 2010, dotado con 2,3 millóns de euros

– Gómez Besteiro impúxolle a Medalla e colocoulle a insignia de ouro da provincia ó Alcalde de Navia, quen tomou posesión como Deputado provincial

O Pleno da Deputación aprobou este martes por unanimidade a proposta do equipo de goberno para iniciar o expedente de extinción da Fundación Centro Superior Cinexético e Piscícola de Galicia, así como dar conta deste acordo ó Padroado para que, seguindo a lexislación vixente, lle dea a correspondente tramitación.

Ante a falta de compromiso da Xunta de Galicia e na busca da máxima transparencia, Gómez Besteiro ordeara hai unhas semanas comezar con este proceso e recuperar os terreos que son de titularidade provincial, así como continuar coas actividades medioambientais e cinexéticas dende a Deputación, xa que na práctica o está a facer en solitario. Neste senso, na proposta lémbrase que foron os traballadores do INLUDES os que levaron o peso técnico das actuacións realizadas ata o de agora.

O organismo provincial realizou constantes esforzos para superar obstáculos e achegar posturas para acadar os fins fundacionais, e desenvolver actividades a prol dos desenvolvemento da provincia, unha tarefa na que foi imposible que se implicase a Consellería de Medio Ambiente. Fronte á actuación do departamento autonómico, a Deputación demostrou ó longo destes meses a súa competencia para poñer en marcha iniciativas proveitosas no eido cinexético. É o caso dunha experiencia piloto con coellos ou un centro de cría e recría de perdices, temas que constituiron o núcleo da orde do día da última reunión á que a Xunta tampouco asistiu.

TDT e Camiños de Santiago

O Pleno provincial aprobou por unanimidade a moción presentada polo Grupo Provincial Socialista para instar á Xunta de Galicia a que cumpra os acordos asinados en decembro de 2008 co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e que incluían a financiación de todas as operacións necesarias para o desenvolvemento do Plan de transición á TDT.

Os obxectivos do acordo consistían en concretar un compromiso para a extensión da Televisión Dixital Terrestre en toda Galicia, así como o financiamento necesario a aportar entre as administracións asignantes. Neste senso, tendo en conta que o convenio non contempla o concurso doutras administracións públicas, “sorprende a intención da administración autonómica de implicar ós Concellos no financiamento de determinadas operacións, especialmente no que se refire ó mantemento dos equipos e ós custos de limpeza e electricidade; o que repercutirá de xeito negativo para os municipios con menos recursos”. Neste senso, Antonio Gato subliñou que “isto é un asunto que lle preocupa ós Concellos, polo que queremos a Comunidade Autónoma non eluda a súa responsabilidade e cumpra o acordo asinado”.

O organismo provincial, cos votos en contra do PP, tamén instou á administración autonómica a asinar sendos convenios de colaboración cos Concellos afectados polo Xacobeo para dar unha resposta axeitada ós usuarios dos Camiños, así como no que se refire á oferta cultural que se vai a desenvolver na provincia de Lugo durante a celebración do Ano Santo. O grupo provincial socialista sostén que, tendo en conta que neste ano se agarda un aumento do número de peregrinos, é preciso que a Xunta incremente a colaboración institucional coas administracións locais en materia de limpeza viaria, recollida de lixo, tratamento de augas residuais e mesmo reparación dos viais, xa que o custo destes servizos aumenta coa afluencia de peregrinos. O voceiro provincial socialista indicou que “nin os Alcaldes do PSOE, nin os do BNG, nin os do PP sabemos absolutamente nada respecto á atención que temos que prestar a todos os peregrinos que pasen polo Camiño. Señor Barcia debería de dicirlle a Roberto Varela e a Feijóo que boten man deste tema porque non vai ben. Agora o Presidente da Xunta baixa de 10 millóns de visitantes a 8. Sinceramente, creo que é un obxectivo que non podemos alcanzar”.

Plan de Comunidades Veciñais e toma de posesión

Tamén se aprobaron coa abstención do BNG e cos votos en contra do PP as bases para a concesión de subvencións do Plan de Comunidades Veciñais de 2010, así como o gasto correspondente por importe de 2,3 millóns de euros. Nesta anualidade, o Plan conta con 100.000 euros máis que en 2009, é dicir, aumenta un 4,5%.

A través desta iniciativa subvenciónanse pequenas obras que os Concellos non poderían acometer sen a colaboración da Deputación. O ano pasado, 295 entidades asociativas se beneficiaron desta iniciativa, coa que a Deputación está a executar obras por valor de 3,7 millóns de euros. A contía de cada subvención non poderá superar a cantidade de 12.000 euros e non poderá exceder o 75% do importe da actividade subvencionable.

Ante a renuncia de  Ricardo Parada como Deputado de Medio Ambiente, no Pleno de hoxe tomou posesión como Deputado o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández. Tal e como procede nestes casos, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, colocoulle a Medalla como membro da Corporación e impúxolle a insignia de ouro da provincia. Tamén se nomeou ó Deputado de Infraestruturas, Manuel Martínez, como representante da Deputación na Xunta Consultiva de Caza da Reserva Nacional dos Ancares.

Día Internacional das Mulleres

Tendo en conta que o 8 de marzo se conmemora o “Día Internacional da Muller” e que a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia está a supoñer un retroceso no desenvolvemento de políticas públicas que impliquen un avance real na superación das discriminacións de xénero, o equipo de goberno someteu a Pleno unha proposta que, finalmente obtivo os votos en contra do PP, e na que se reclama á Xunta: elaboración dun Plan de Emprego para as Mulleres que incida nas incorporación das mulleres ó emprego remunerado e que recolla medidas concretas para garantizar o principio de igualdade laboral; paralización do proceso de desmantelamento dos servizos sociais públicos, demandando a provisión con carácter público de novas prazas de escolas infantís, centros de día, prazas en residencias e a posta en marcha dun servizo público de “kanguros”; e desenvolvemento das actuacións previstas na lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Exit mobile version