LUGO .- A Deputación de Lugo acompañará ao movemento social xerado na Mariña para reclamar a axilización da construción da VAC Ferrol-Barreiros. Neste sentido, Antonio Veiga fixo un chamamento “á participación e unión da sociedade e institucións para consensuar e adoptar as medidas necesarias para que a VAC Ferrol-Barreiros sexa unha realidade en 2014”, e animou a acudir á asemblea que se organiza a tal fin mañá sábado á 1 do mediodía no teatro Pastor Díaz de Viveiro.
Nota de Prensa
A DEPUTACIÓN DE LUGO RECLAMA A AXILIZACIÓN DA EXECUCIÓN DA VAC FERROL-BARREIROS
Antonio Veiga fixo un chamamento “á participación e unión da sociedade e institucións para consensuar e adoptar as medidas necesarias para que a VAC Ferrol-Barreiros sexa unha realidade en 2014”
Neste camiño, Veiga manifestou que “a presión social do conxunto da sociedade mariñá é fundamental para acadar o obxectivo de ter unha infraestructura de comunicación que vertebre o norte galego no menor tempo posíbel, e polo tanto é indispensábel a unión das asociacións veciñais, empresariais, políticas e sindicais para actuar ao unísono”
LUGO, 26 de febreiro de 2010. O delegado da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, informou hoxe no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, fóra dos asuntos da orde do día, que a Deputación de Lugo acompañará ao movemento social xerado na Mariña para reclamar a axilización da construción da VAC Ferrol-Barreiros. Neste sentido, Antonio Veiga fixo un chamamento “á participación e unión da sociedade e institucións para consensuar e adoptar as medidas necesarias para que a VAC Ferrol-Barreiros sexa unha realidade en 2014”, e animou a acudir á asemblea que se organiza a tal fin mañá sábado á 1 do mediodía no teatro Pastor Díaz de Viveiro.
Segundo explicou Veiga, a postura da Deputación en canto á necesidade e importancia de axilizar o proceso de execución da VAC Ferrol-Barreiros quedou patente xa no pleno do pasado 24 de novembro, cando unha moción promovida polo BNG na que se recollía o clamor social e institucional da Mariña neste camiño recibiu os apoios das tres forzas políticas, sendo aprobada por unanimidade. Nesta proposta, ratificada polo pleno provincial, instábase á Xunta de Galiza a estabelecer datas para a licitación dos tramos da VAC de Ferrol – San Cibrao, que nese tempo se atopaban na fase de redacción de proxecto, e tamén ao Goberno do Estado a establecer un prazo de execución para o proxecto e a obra do tramo da VAC da súa competencia, que vai de Barreiros a San Cibrao. Veiga remarcou que, desde a Deputación, sendo conscientes da importancia desta infraestructura viaria para o norte galego, nese mesmo pleno acordouse tamén solicitar ás dúas administracións, estatal e autonómica, que procederan á elaboración dun cronograma con prazos e consignacións orzamentarias suficientes que permitisen rematar a VAC Barreiros – Ferrol no horizonte de 2014.
Para lograr isto, Antonio Veiga chamou á sociedade, asociacións, grupos políticos, sinditacos, etc, a participar e implicarse mañá na asemblea que os concellos organizan en réxime de autoconvocatoria no teatro Pastor Díaz de Viveiro á 1 do mediodía, xa que, para Veiga, “a presión social do conxunto da sociedade mariñá é fundamental para acadar o obxectivo de ter unha infraestructura de comunicación que vertebre o norte galego no menor tempo posíbel, e polo tanto é indispensábel a unión das asociacións veciñais, empresariais, políticas e sindicais para actuar ao unísono”.
Asuntos do día
Dentro dos asuntos do día da Xunta de Goberno, o delegado da Área de Cultura da Deputación deu conta da aprobación e concesión de subvencións a asociacións culturais e deportivas pola realización de actividades en 2008. En total, Antonio Veiga explicou que recibirán subvención correspondente ao 2008 vinteseis asociacións culturais por un importe de 28.450,88 euros, e dez asociacións e clubs deportivos por un importe de 23.726,86 euros, ao igual que o Concello de Monforte pola realización de actividades deportivas recibiu unha subvención de 4.117,65 euros