BURELA (FNC).- A Delegación de Benestar Social programou tres talleres para os maiores do concello, un sobre entrenamento de memoria e relaxación, outro sobre envellecemento saudable e un terceiro sobre coidados persoais para os encamados. Faránse con cargo ao plan E 2010.
A responsable deste departamento Neves Cando lembrou que “a proposta presentada polo Concello de Burela para as obras e programas do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local 2010 caracterízase por contemplar actuacións enmacamiñadas ao aforro enerxético na iluminación pública, á xeración de enerxía térmica e fotovoltaica nas instalacións deportivas, a melloras medio ambientais no barrio de Vilar e na estación depurada de augas residuais, á implantación da administración electrónica no Concello e á rehabilitación da cuberta da Casa da Xuventude xunto coa eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora da seguridade vial nas principais rúas do noso pobo”.
A edil nacionalista manifestou que “aforro enerxético, melloras medio ambientais e eliminación de barreiras arquitectónicas serán os proxectos aos que o equipo de goberno vai destinar máis de 800.000 euros. Pero ademáis o Fondo Estatal permite este ano adicar parte do orzamento total correspondente a cada Concello a gastos correntes para servizos sociais e así o imos facer en Burela. Polo que se refire aos servizos sociais presentamos catro proxectos dirixidos a dúas colectivos preferentemente, ás nosas familias e ás persoas dependentes”.
Proxectos tamén para as familias
A concelleira de Benestar Social explicou que “para as familias plantexamos tres actuacións que xa viñamos desenvolvendo, por un lado a continuación do curso de preparación ao parto, que acolle ás mulleres xestantes desde o sexto mes de embarazo e que ten coma obxectivo básico a educación, a orientación sanitaria e a prevención específica neste momento dato da xestación. Este curso supón a asistencia dúas veces á semana ao curso propiamente dito e tamén proporciona asesoramento e apoio técnico por parte de persoal cualificado. Por outro lado, continuaremos coa ocioteca durante os meses de verán para os nosos nenos e nenas que nesa época do ano teñen aos seus pais traballando e xa por último un programa específico para as persoas en risco de exclusión social que consistirá na intervención dos servizos sociais para cubrir as súas necesidades básicas de comida”.
Neves Cando engadiu que “para as persoas en situación de dependencia plantexamos catro actuacións. Un servizos de fisioterapia que vai comenzar agora e que continuará todo o ano encamiñado ao tratamento individualizado para os nosos usuarios valorados con alto grao de dependencia e un servizo de ximnasia preventiva para os nosos maiores. Faremos dous talleres a partires do vindeiro mes de abril e durante todo o ano sobre entrenamento de memoria e relaxación e sobre envellecemento saudable, cos obxectivos de aumentar as capacidades para realizar distintas actividades sociais e psicosociais e para mellorar a saúde dos nosos maiores. E ademáis disto teremos tamén un taller de coidados persoais para as persoas encamadas. Trátase de formar aos familiares e coidadores destas persoas para que poidan prestar os servizos persoais de aseo e coidado do corpo cunha mellor garantía de calidade de vida. Para todos estes programas o Concello de Burela a través da Delegación de Benestar Social adicará un total de preto de 90.000 euros”.