Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG pide que Educación manteña as axudas para intercambios educativos con outros países

A MARIÑA .- A CIG-Ensino da Mariña está promovendo escritos dos centros aos consellos escolares e claustros de profesores para que a Consellaría de Educación manteña as axudas ao alumnado para poder participar en estadías e intercambios con centros educativos doutros países. Na comarca da Mariña o ano pasado beneficiaronse destas axudas 6 centros coa participación de 135 alumnos o que supoñía unha cantidade de 36.600 euros. Os países visitados foron Francia, Bélxica, Estados Unidos, República Checa e Polonia.

Nota de Prensa

A CIG DENUNCIA A SUPRESIÓN DAS AXUDAS AOS INTERCAMBIOS ESCOLARES CO ESTRANXEIRO NOS CENTROS DA MARIÑA

O ano pasado participaron 135 alumnos e 20 profesores/as

Ribadeo, 17 de febreiro de 2010.- A CIG-Ensino da Mariña está promovendo escritos dos centros aos consellos escolares e claustros de profesores para que a Consellaría de Educación manteña as axudas ao alumnado para poder participar en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorecer a aprendizaxe activa das linguas. Na comarca da Mariña o ano pasado beneficiaronse destas axudas 6 centros coa participación de 135 alumnos o que supoñía unha cantidade de 36.600 euros. Os países visitados foron Francia, Bélxica, Estados Unidos, República Checa e Polonia

A CIG-Ensino está convencida de que con esta decisión, a Consellaría pon de relevo, novamente, a súa desconsideración co traballo dos centros escolares, pois adopta, unilateralmente, unha decisión que prexudica os centros sen lles comunicar estes cambios en ningún momento. Por outro lado, é un novo desprezo cara ao profesorado, ao facer irrealizábeis proxectos de intercambio desenvolvidos con moito esforzo e que se veñen facendo desde hai moitos anos, nalgún caso co recoñecemento de premios á actividade”.

Sinalar, ademais, os prexuízos que esta decisión supón para os centros educativos, posto que “estaba estabelecido que, para solicitar estas axudas, os centros tiñan que presentar un proxecto pedagóxico da viaxe que incluía os obxectivos e as actividades a realizar, tanto no seu centro como no centro receptor, amais de integralo na programación anual do curso. Tamén debería saber que moitos centros xa teñen realizados os preparativos do intercambio, incluídas as reservas da viaxe, datas do intercambio, programa de actividades, etc.”

Esta actitude da Consellaría evidencia o verdadeiro talante desta Administración, pois con esta supresión ponse de manifesto que non lle interesa a formación en idiomas estranxeiros, entrando en contradición co que pretenderon demostrar con motivo da presentación do Decretazo contra o galego no ensino. Esta supresión antipedagóxica pon ás claras, como xa denunciou a CIG no seu día, que os idiomas estranxeiros eran unha escusa para reducir a presenza do galego nos centros.

A CIG-Ensino exixelle á Consellaría que “restabeleza estes intercambios e estadías por seren útiles para a aprendizaxe das linguas e estaren organizados e proxectados polos centros; do contrario,  se nos atemos aos beneficiados no ano pasado, estaría desprezando o traballo do profesorado de 73 centros e desconsiderando  a formación de  1517 alumnos/as en toda Galiza”.

Exit mobile version