Site icon Crónica3.com A Mariña

A afección do POL en Ribadeo será de 5.070 hectáreas das que 1.700 estarán condicionadas pola Xunta, asegura o alcalde

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, advirte que o Plan de Ordenación do Litoral da Xunta pode chocar co PXOM e pídelle á administración autonómica un trato diferencial para os Concellos que, como Ribadeo, tentaron adaptar o planeamento á vixente Lei do Solo e teñen aprobado inicialmente o PXOM.

O rexedor relata que “a afección do POL en Ribadeo é dunhas 5.070 hectáreas das que 1.700 terán os usos condicionados polo que diga a Xunta de Galicia. Lembro que moito se cuestionaba hai tempo aquela disposición transitoria do goberno bipartito anterior na franxa de protección dos 500 metros e agora vexo que neste concello vai para máis de 600 hectáreas afectadas por riba deses 500 metros. O que me preocupa é que moito se falaba da autonomía municipal en canto á clasificación de solo e agora a administración autonómica tamén se adica a través deste POL a clasificar solo”.

Fernando Suárez sinala que “o POL sitúa aos núcleos costeiros e as posibilidades de medre na inseguridade xurídica. Agás Rinlo, delimitado como núcleo de litoral e onde sí veñen perfectamente delimitados os usos e as condicións urbanisticas, as infraestruturas que se poden desenvolver, así como un plano de mellora vinculado ás cetáreas, nos outros non se recollen as determinacións e nos remiten ás consideracións xerais. Nesta situación atópanse moitos núcleos de todas as parroquias costeiras como Couxela, Vilaousende, Ove, Vilaselán, Piñeira, Vilaframil e A Devesa. O groso das parroquias teñen afección costeira, o que nos preocupa é a afección que poidan ter núcleos destas parroquias onde polo nivel de clasificación que se lles propón poden chocar de maneira importante co traballo que levamos feito do PXOM”.

O alcalde de Ribadeo quere “ser realista, non alarmista, pero de todo esto se desprende que si se publica tal cual ese POL significaría darlle un traspés ao PXOM actualmente en tramitación, porque as súas disposicións teñen que axustarse ao Plan de Ordenación do Litoral polo seu carácter supramunicipal e polo tanto os dous documentos non poden entrar en contradición. Por todo isto, a Xunta debería establecer un trato diferencial para aqueles concellos, coma o caso do noso, que tentamos adaptar o planeamento á vixente Lei do Solo de Galicia e que a día de hoxe temos aprobado inicialmente o documento do PXOM, senón todo o que temos feito e aprobado por unanimidade todos os grupos políticos no Concello podería ir á papeleira”.

Suárez Barcia pensa e desexa que “esto non vai ser así e en breve reunirei de novo á comisión municipal de urbanismo para analizar polo miudo este plan e para facer as suxerencias que estimemos entre todos os grupos necesarias para que teña a mínima afección posible no documento do PXOM ou que as afeccións que poida ter sexan salvables. Eu, con este ánimo e coa preocupación de ver os datos que aparecen reflexados nese documento, espero que a Xunta sexa consecuente e que si quere que os Concellos aprobemos os PXOM, o que non pode é estar cada pouco modificando os marcos normativos porque así a aprobación dun plan xeral convértese nunha misión casi imposible”.

Exit mobile version