Site icon Crónica3.com A Mariña

Venres celébrase o concerto solidario por Haití no auditorio Hernán Naval de Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- O venres día 22 de xaneiro, ás 20.30 horas, no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo celébrase un concerto solidario que ten como obxectivo recadar fondos para axudar ás vítimas do sismo acontecido en Haití. O acto está organizado pola Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, a Asociación Amadores da Música (entidade promotora da Banda Municipal de Ribadeo), a Asociación Cultural Musiqueando e máis a Delegación de Cultura do Concello de Ribadeo. No concerto actuarán diferentes formacións de alumnas e alumnos da EMMeD de Ribadeo así coma de profesoras e profesores do centro. Grupos de metais, piano, guitarras, clarinetes ou frautas así como unha representación das  alumnas de danza serán protagonistas desta noite de solidariedade musical.

Segundo a organización  “o obxectivo principal deste evento é a recollida de fondos para axudar ás vítimas do sismo ocorrido en Haití polo que dende a organización se fai un chamamento á participación masiva das e dos ribadenses para respaldar coa súa presenza o apoio, dende a distancia, da vila de Ribadeo ao pobo haitiano. Para elo todo canto se recade coa venda de entradas, a un prezo de 5 euros, será doado á Cruz Vermella, entidade que vai traballar na reconstrución do país así como na axuda, tanto médica como psicolóxica, ás vítimas da catástrofe natural. Aquelas persoas que non podan asistir ao concerto pero que desexen colaborar con esta iniciativa teñen ao seu dispor unha FILA CERO no Banco Pastor, no número de conta 0072 0207 11 0000104948, que estará aberta até o vindeiro venres día 29”.

Exit mobile version