Site icon Crónica3.com A Mariña

Ultiman a formación do persoal do helicóptero Pesca 2 para cando comece a funcionar o servizo 24 horas

CELEIRO .-  A base do helicóptero da Xunta de Galicia en Celeiro, Pesca 2, conta con instalacións que permitirán acoller a tripulación as durante as 24 horas do día, cando o servizo entre en funcionamento. Actualmente “estase ultimando a formación do persoal para que estea operativo nas primeiras semanas do ano”, aseguran desde a Xunta.

REFERENCIA

A Xunta xa dispón das instalacións que acollerán a tripulación que manterá activo o Pesca II as 24 horas do día

Nestes momentos estase ultimando a formación do persoal responsable do manexo dos helicópteros

Para a construción desta área de estancia dos tripulantes do helicóptero, a Consellería destinou máis de 57.000 euros

Santiago, 2 de xaneiro de 2009.- A base de Celeiro xa conta coas instalacións que permitirán acoller a tripulación do helicóptero Pesca II as 24 horas do día. Deste xeito, a Xunta, a través da Consellería do Mar, afianza o seu compromiso de reforzar o servizo de operatividade da tripulación ao que dará cumprimento unha vez ultimada a formación dos profesionais na que se está a traballar.

As instalacións habilitadas no hangar do porto están destinadas aos tripulantes que estean de garda durante a noite co obxectivo de que desenvolvan axeitadamente as súas tarefas. Esta zona de estancia dos tripulantes consta de catro camarotes con aseos individuais, unha zona de vestiarios e unha cociña e realizouse cun investimento de 57.207,35 euros.

Ditas instalacións son o resultado da medida promovida pola Consellería do Mar para ampliar as tripulacións nas aeronaves de Gardacostas. Neste sentido co novo servizo de contratación dos helicópteros do Servizo de Gardacostas, o “Pesca I”, con base en Vigo e o “Pesca II”, con base en Celeiro (Viveiro), contarán con 10 pilotos máis, ao pasar de 8 a 18. Ademais tamén se ampliará o número de rescatadores, que pasará de 2 a 9.

Dende a Consellería do Mar lémbrase que ata o momento os tripulantes estaban na base durante a mañá e o resto do día tiñan que estar localizables. Co novo sistema haberá persoal permanente nas dúas bases – Vigo e Celeiro- as 24 horas do día os 365 días do ano de xeito que toda a costa galega quede cuberta cun tempo de resposta de 10 minutos. Esta medida xa foi implantada na base de Vigo no mes de xuño e, no caso de Celeiro, estase ultimando a formación do persoal para que estea operativo nas primeiras semanas do ano.

Exit mobile version