Site icon Crónica3.com A Mariña

Tardarán días en restablecer normalidade en Cervo tras as choivas da fin de semana

CERVO .- A Consellería de Medio Ambiente “puxo á nosa disposición a axuda necesaria para solventar os problemas derivados destas choivas”, asegura o alcalde de Cervo e explicou que a brigada de Obras e Servizos do Concello están a  traballar para restablecer a normalidade ” restablecer a normalidade no concello nos vindeiros días”

Nota de Prensa

VILLARES CONFÍA EN RESTABLECER A NORMALIDADE NO CONCELLO NOS VINDEIROS DÍAS DESPOIS DAS CHOIVAS DA FIN DE SEMANA

* O conselleiro de Medio Ambiente decidiu enviar persoal da consellería para colaborar nas tarefas de desentullo das canles dos ríos Xunco e Cobo tras manter esta mañá unha conversa telefónica co rexedor cervense

Cervo, 25 de xaneiro de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, confirmou no día de hoxe que a brigada de Obras e Servizos do Concello de Cervo están a  traballar para restablecer a normalidade no termo municipal tralo paso das choivas torrenciais que afectaron a distintos puntos do concello.

O rexedor asegurou que dende que se recibiran os primeiros sinais de alerta por mor destas choivas efectivos de Protección Civil e persoal do Concello estiveron traballando para tentar mitigar os efectos das trombas de auga, as cales derivaron en inundacións en zonas coma o Souto (Cervo) e a piques estiveron de anegar outras zonas coma O Guioncho (A Venta) “pero afortunadamente a apertura das comportas do embalse de Río Cobo evitou que se produciran neste punto inundacións coma xa ocorrera hai dous anos” recoñeceu.

Tamén sinalou que agora o Concello está a centrar os seus traballos en tentar restablecer a normalidade nas zonas afectadas. “Estamos a traballar para arranxar canto antes diversos camiños e vías públicas que se viron afectadas por mor das grandes cantidades de auga que caeron e que deixaron intransitables estas vías de comunicación” indicou o alcalde, quen tamén sinalou que outro punto prioritario nestes traballos son as canles dos ríos Xunco e Cobo, “os cales atópanse con moita maleza, ramas e árbores que nalgúns casos poden ocasionar entullos nas pontes que os cruzan, co conseguinte risco de novos desbordes e roturas destas pontes”.

Apoio da Xunta

O alcalde cervense destacou que a primeira hora da mañá recibiu unha chamada do conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Agustín Hernández, “o cal puxo á nosa disposición a axuda necesaria para solventar os problemas derivados destas choivas” indicou. Durante a conversa o rexedor cervense informou ao conselleiro dos danos ocasionados e solicitoulle persoal da consellería para levar adiante a limpeza das canles dos ríos afectados. “E esta mesma tarde está previsto que cheguen efectivos de Medio Ambiente para encargarse de facer estes traballos” asegurou Villares, que valorou moi positivamente a “resposta pronta e inmediata” da Consellería de Medio Ambiente “porque poderemos recobrar a normalidade canto antes, algo que contrasta co acontecido hai un ano, onde os responsables daquela na Xunta deixáronnos completamente esquecidos, excepto para vir a facerse fotos” lembrou.

Exit mobile version