Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o BNG o alcalde de Xove tacha de “demagóxico” o traballo deste grupo no concello

NOTA DE PRENSA
O alcalde de Xove tacha de “demagóxico” o traballo que está a realizar o BNG

O responsábel local do BNG, Marco López, denunciou onte que as propostas realizadas polos nacionalistas para a súa inclusión no Orzamento 2010 do Concello de Xove foran cualificadas polo primeiro edil como “demagoxia política” no pleno e quixo convocar aos veciños de Xove a que comproben a súa “demagoxia”, é dicir, as súas novas ideas e renovada ilusión de xestión do Concello de Xove, no programa electoral co que o BNG se presentará ás vindeiras eleccións municipais do 2011 e que na actualidade xa están a confeccionar.

O cargo orgánico do Bloque xovense insistiu en que, tras a exposición das propostas do seu grupo municipal no debate plenario, a resposta dun equipo de goberno “no que non se sabe quen manda” (porque tanto contestaba o rexedor, Demetrio Salgueiro, como o primeiro tenente de alcalde, José Manuel González) foi que, por mor do axustado do orzamento, “xa se vería” debido a que “tamén lles baixaran moito as transferencias da Xunta de Feijóo”; pero non se acadou compromiso formal ningún pola súa banda para incluílas nun presuposto total que chega este ano aos 1.100 millóns de pesetas (6.601.341 €).

Marco López quixo comprender a razón de por que ao actual goberno en minoría do PP lles pareceron mal as súas propostas, e achou a resposta no problema de “chegar á política por comenencia”. Esta situación ven provocando que, nunha terxiversación da política municipal, “a nobreza dunha oposición leal se avalíe como demagoxia e a parola inxenua se autocualifíque de bo goberno”, asegurou López.

Exit mobile version