Site icon Crónica3.com A Mariña

Segundo o alcalde, o centro de saúde de Burela contará cunha nova praza de pediatría

BURELA (FNC) .- O Centro de Saúde de Burela contará cunha nova praza de pediatría, segundo lle ven de comunicar a Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ao alcalde de Burela, Alfredo Llano. O rexedor valora de xeito moi positivo esta nova.

O rexedor explicou que “recibimos unha boa noticia da titular da Consellería de Sanidade, Pilar Farjas. Teño que lembrar que hai uns días eu solicitei unha praza de pediatra a tempo completo dado que a que estaba agora só tiña dúas horas de servizo e dada a demanda que temos en Burela entre os rapaces de 0 a 14 anos…. solicitei a contratación dun novo pediatra para completar a xornada de dúas horas que tiñamos ata o de agora. A contestación da Consellería foi darnos este servizo e a finais deste mes xa teremos esa nova praza cuberta e así estará perfectamente atendido o servizo de pediatría durante toda a semana”. Alfredo Llano subliñou que “esta é unha boa noticia, a petición foi atendida con rapidez e con rigor e é de agradecer que se fixesen cargo da atención e de acordo co que lles expuxemos desde o Concello para prestar un correcto servizo aos nosos veciños”.

Hospital da Costa

O alcalde de Burela mantivo hai uns días un encontro co xerente do Hospital da Costa para tentar mellorar a situación do tráfico no entorno do centro. Llano sinalou que “nós alí non temos potestade para actuar, aquelo é unha zona que é responsabilidade do propio hospital. Hai días que aquelo é un caos, hai coches aparcados en tripla fila interrompendo o paso normal dos outros e que se circule con fluidez por alí”. O rexedor engadiu que “desde o Concello tentaremos axudar á xerencia do hospital para marcar con exactitude as prazas e que se permita, sobre todo na rúa principal, o paso da circulación nos dous sentidos sen ter que facer manobras perigosas que moitas veces poidan levar a algún accidente. Aproveitaremos para deixar aquela rúa o máis adecentada posible”.

Llano recoméndalles “a todas aquelas persoas que se acheguen ao hospital que non aparquen directamente naquela zona, hai lugares para deixar o coche comodamente preto dos institutos e nas rúas próximas que non quedan moi lonxe sen necesidade de meter os vehículos en zonas tan restrinxidas onde atopar aparcamento sempre será máis difícil. Entre as dúas administracións veremos si melloramos un pouco a situación do tráfico nesa zona”.

Exit mobile version