Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo propón a Casa da Ría como sede da Reserva da Biosfera río Eo, Oscos e Terras de Burón

RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo ven de propoñer que a Casa da Ría se convirta na sede da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

O informe enviado á  Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe recolle que con máis de 10.000 habitantes na actualidade, Ribadeo é o municipio máis poboado do territorio da Reserva, duplicando prácticamente ao segundo dos que a integran que é A Fonsagrada. O rexedor, Fernando Suárez, sinala que “desde o punto de vista comercial, así como de ocio e turismo, Ribadeo é o centro dunha comarca que abrangue A Mariña Oriental e o Occidente asturiano, desde Burela ata Navia, cunha poboación superior aos 100.000 habitantes. Ribadeo conta co maior número de prazas hoteleiras da reserva que nos permiten chegar ás 90.000 pernoctacións anuais e durante o verán triplicamos a nosa poboación”.

A proposta remitida á  Xunta apunta que Ribadeo é a ubicación que garantizaría en maior medida a difusión dos valores da Reserva, puidendo afirmarse que a sede en Ribadeo ademáis de maximizar a divulgación dos seus valores naturais e culturais, podería ser unha excelente ferramenta de promoción turística para os 14 concellos que a compoñen. O alcalde suliña que “Ribadeo supón a mellor opción económica para a creación desta infraestructura, xa que ofrece a Casa da Ría, unha instalación recentemente remozada e construida cunha finalidade idéntica á da futura sede da Reserva, que é albergar un centro de interpretación e dar cabida a actividades de divulgación mediante unha sala de proxeccións”.

Fernando Suárez considera que “tamén sería de xustiza que esa sede estivese na Casa da Ría por unha cuestión de equilibrio territorial, xa que a sede da Asociación de Concellos da Reserva atópase en Vegadeo, polo que o xusto sería que destoutro lado da ría de Ribadeo contásemos con ésta”.

O informe elaborado polo Concello de Ribadeo incide tamén en que a Casa da Ría se atopa nunha localización privilexiada, sobre un mirador de beleza inigualable que en sí mesmo é un reclamo turístico e considera que para a súa transformación en sede da Reserva da Biosfera non se precisa de ningún tipo de obra mais que incorporar ás súas instalacións os contidos referentes a dita reserva. Tamén destaca que a súa ubicación próxima á A-8 ofrece un acceso rápido e cómodo tanto para os visitantes como para os técnicos que deban desprazarse desde Oviedo e Santiago.

Suárez Barcia agarda que “este asunto forme parte da axenda de asuntos a debatir na vindeira xuntanza interautonómica da comisión de seguimento da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón”.

Exit mobile version