RIBADEO (FN) .- O Cine Teatro de Ribadeo acollerá o vindeiro venres 22 de xaneiro ás 20:30 horas un concerto benéfico co que se recadarán fondos para enviar ao pobo haitiano. Está organizado por Amadores da Música, Musiqueando e a Escola Municipal de Música e Danza.
O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “nesta fin de semana foron xurdindo unha serie de ideas entre as directivas de Amadores da Música e Musiqueando e o Concello para colaborar e participar na solidariedade con Haití, que por moita que teñamos vai ser moi escasa paréceme a min de cara a esta traxedia que asolou a este país caribeño. E onde a día de hoxe a axuda internacional aínda ten enormes dificultades para chegar, pero é necesario que dentro de poucas horas ou de poucos días sexa efectiva para paliar moitas mortes máis que se poden aveciñar pola falla de atención ou de recursos”.
O rexedor subliñou que “desde Ribadeo queremos aportar o noso grao de area e, a parte doutras iniciativas que se poidan facer, desde o Concello, Amadores da Música e Musiqueando queremos levar adiante un concerto benéfico con alumnos da Escola Municipal de Música e Danza e coa colaboración desinteresada dos seus profesores. O concerto será o venres 22 de xaneiro ás 20:30 horas no Cine Teatro de Ribadeo. O custe da entrada será de 5 euros e toda esta recaudación será entregada á Cruz Vermella para que faga bó uso dela con estes superviventes de Haití. É un pequeNo grao de area neste océano e neste mar de desgracias que se está a vivir alí, pero non queríamos ser alleos en Ribadeo a esa circunstancia tráxica”.
Griselda Ríos, vocal de Amadores da Música, contou que “temos interese en participar nesta iniciativa porque nos parece moi grave o que alí pasou. Queremos facer un chamamento para que colabore a xente, porque por pouco que se colabore a nosa axuda será moi importante para axudar a liquidar esta situación tan grave”. E Hugo García de Musiqueando dixo que “queremos facer fincapé nun dos piares que moven á organización deste acto e que é fomentar o espírito de solidariedade entre os mozos e as mozas que forman parte tanto da Escola como da Banda Municipal. Non é a primeira ocasión na que alumnos e alumnas da Escola e da Banda se suman a actos solidarios e tanto desde o centro educativo como desde a Banda amosan a súa disposición a seguir traballando nesta liña non só en momentos puntuais coma este senón tamén ao longo do ano demostrando que ambos seguen traballando”.