Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acollerá novos cursos de condución eficiente en febreiro e marzo

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acollerá novos cursos de condución eficiente nos meses de febreiro e marzo. Os cursos teñen 2 horas de duración e ofrecen contidos teórico-prácticos. Son completamente gratuítos e están dirixidos ás persoas que empreguen o vehículo privado habitualmente. O requisito é levar o orixinal e unha fotocopia do permiso de conducir o día do curso.

Os alumnos/as terán a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución eficiente no consumo de combustible mediante dúas probas prácticas a desenvolver antes e logo dunha breve sesión teórica. Traballarase con grupos de 4 persoas que conducirán por turnos nun percorrido de aproximadamente 5-7 km, cunha duración duns 15 minutos por persoa. O curso complétase coa entrega de material de apoio, no que se inclúe un manual e un folleto informativo no que se explican os criterios e vantaxes da condución eficiente, así como un diploma acreditativo da participación no mesmo.

Para inscibirse só hai que chamar previamente ao teléfono da Axencia de Sostibilidade de Ribadeo 982 120 701, ou escribir ao enderezo electrónico sostibilidade@ribadeo.org. A inscrición nos cursos poderá facerse en dúas modalidades:

-Individual: 96 prazas dispoñíbeis. Os días 1, 2 e 3 de febreiro e 22, 23 e 24 de marzo ata 16 persoas por día en catro quendas, dúas pola mañá e dúas pola tarde.

-Grupal: como novidade, este ano ofértase a posibilidade de elixir a data de celebración do cursiño cando o soliciten grupos de 8 ou máis persoas.

Desde a Axencia de Sostibilidade aseguran que “o emprego para o transporte do vehículo privado non é unha práctica sostible: temos que telo en conta e tratar de utilizalo canto menos mellor. Sabido isto, cando nos vexamos na obriga de collelo, podemos conducir de diferentes xeitos. A condución eficiente permite aforrar unha media do 15% do combustible con respecto á maneira habitual. Con este tipo de condución non só aforraremos gasóleo ou gasolina, senón tamén freos e neumáticos e reduciremos as emisións de ruído e gases, co que o beneficio económico vén acompañado dunha mellora ambiental”.

Neste 2010 o Concello de Ribadeo, en colaboración coa Fundación Sotavento Galicia, repetirá a experiencia do ano pasado consistente na organización dunha serie de cursos encamiñados á aprendizaxe dos hábitos da condución eficiente. A Fundación Sotavento Galicia adícase á divulgación das enerxías renovables e o aforro e a eficiencia enerxética, e a súa proposta encádrase dentro das medidas de uso máis eficiente dos medios de transporte, no Plan de Acción 2008-2012 da Estratexia de Aforro e Eficiencia Enerxética en España que canaliza o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) a través do INEGA.

Segundo o IDAE, se todos empregásemos estas técnicas de condución aforraríanse 2.555 millóns de litros de combustible, o que supón 136 euros de aforro por condutor ou condutora. A isto hai que sumarlle unha redución das emisións de CO2 de 6,3 millóns de toneladas (equivalentes a plantar 48 millóns de árbores), e da contaminación acústica: o ruído provocado por un coche a 4.000 rpm, equivale ao de 32 vehículos a 2.000 rpm.

Exit mobile version