Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo acolle unha xornada formativa sobre a lectura da paisaxe

RIBADEO (FNC) .- Ribadeo acolle mañá 28 de xaneiro unha xornada formativa sobre a Lectura da paisaxe. Trátase dunha actividade promovida pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e relacionada coa Axenda 21 Escolar de Galicia nos Concellos que son núcleos de sostibilidade.

A xornada comezará cunha charla no CEIP Gregorio Sanz de 10 a 11:30 horas. Seguirá con outra charla no IES Porta da Auga de 12 a 14 horas e rematará cun obradoiro no miradoiro da Casa da Ría en Santa Cruz.

As charlas e o obradoiro serán impartidos por Francisco Castillo Rodríguez, xefe de servizo de Paisaxe. Serán de carácter aberto a toda a comunidade educativa, pero están dirixidas especialmente a alumnado e profesorado vinculados aos proxectos da Axenda 21 escolar de Galicia.

O obradoiro está dirixido ao alumnado de secundaria do IES Porta da Auga, cuxo proxecto de Axenda 21 traballará o Coñecemento do entorno de Ribadeo e sostibilidade: Puntos de interese xeomorfolóxico de Ribadeo, así como ao profesorado de ambos centros educativos vinculados cos proxectos de A21EG.

Desde a Delegación de Medio Ambiente de Ribadeo informan que “o obxecto deste obradoiro é preparar ao alumnado de secundaria para que poidan transmitir aos seus compañeiros e aos alumnos de primaria as ideas básicas para poder ler a paisaxe. Hai que lembrar que unha das ideas básicas da Axenda 21 Escolar de Galicia (A21EG) é impulsar o protagonismo do alumnado”.

A xornada que se desenvolverá mañá en Ribadeo enmárcase nas actividades de apoio nos Núcleos de Sostibilidade, de cara a facilitar a integración de criterios de sostibilidade na xestión municipal cotiá. Con esta actividade preténdese, formar a un grupo de alumnos e profesores sobre como interpretar a paisaxe e sensibilizar sobre a súa importancia e a necesidade de conservación dos valores naturais e singulares deste concello costeiro e tamén se lles capacitará e motivará para que poidan actuar como axentes difusores e sensibilizadores da importancia da paisaxe litoral.

Exit mobile version